Prehistoria

Os numerosos recursos naturais do noso territorio, con abundancia de ríos e bosques, caza e pesca, fixeron que a comarca de Deza e o noso concello en particular fose poboado dende tempos antigos.Proba disto son as múltiples pegadas que os nosos devanceiros deixaron como testemuños do seu paso.

Por todo o municipio numerosas construcións megalíticas así o evidencian, sendo as mais coñecidas, por seren as únicas escavadas ata o momento e pola súa singularidade, as do conxunto Mámoas da Cruz, en Alperiz. Tamén é destacable a cantidade de castros, asentamentos da idade de ferro, que temos no municipio, mais de trinta, o que nos converte nun dos lugares de Galicia con maior concentración destes enclaves típicos da cultura castrexa. En case tódalas parroquias podemos atopar algún, ou varios, destes asentamentos que permanecen no maxín popular como lugares habitados por seres máxicos, protagonistas das marabillosas historias e lendas. Para coñecer mais sobre a cultura castrexa podemos visitar o centro Castrodeza, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico no Pazo de Liñares, as excavacións do Castro do Penedo en Doade, ou pasear polo Castriño de Bendoiro, escavado e sinalizado con paneis polo ADIF por mor do paso do tren de alta velocidade e a quen compete o seu mantemento.

Castro de “O Penedo”

O “Castro do Penedo” tamén coñecido como Castro de Doade e popularmente como “Aurela do Castro”, está situado na parroquia de Doade, a 200 metros da aldea de Codeseda.

Posúe un único recinto de forma casi circular, que ocupa unha superficie dunha hectárea. A partir da ortofotografía do voo americano de 1956-57, parece que o seu acceso orixinal estaría situado pola parte occidental, por onde se realizou unha explanación parcial das defensas do Castro para favorecer os cultivos agrícolas.

No ano 2015 comezaron a realizarse actuacións arqueolóxicas que deron como resultado o descubrimento e consolidación de varias estruturas habitacionais (visitables) e o achado de varios miles de restos, de barro, pedra, ferro, bronce, palla-barro, etc... cuxo rango temporal abrangue dende o século V a.C. ata o II d.C., expostos nunha sala monotemática, chamada Aurela, nas instalacións do Museo Casa do Patrón sito na citada aldea de Codeseda.

Forma parte do percorrido do PR-G 210 e da ruta do Museo da Paisaxe.

Imagen Castro de “O Penedo”