Prehistoria

Os numerosos recursos naturais do noso territorio, con abundancia de ríos e bosques, caza e pesca, fixeron que a comarca de Deza e o noso concello en particular fose poboado dende tempos antigos.Proba disto son as múltiples pegadas que os nosos devanceiros deixaron como testemuños do seu paso.

Por todo o municipio numerosas construcións megalíticas así o evidencian, sendo as mais coñecidas, por seren as únicas escavadas ata o momento e pola súa singularidade, as do conxunto Mámoas da Cruz, en Alperiz. Tamén é destacable a cantidade de castros, asentamentos da idade de ferro, que temos no municipio, mais de trinta, o que nos converte nun dos lugares de Galicia con maior concentración destes enclaves típicos da cultura castrexa. En case tódalas parroquias podemos atopar algún, ou varios, destes asentamentos que permanecen no maxín popular como lugares habitados por seres máxicos, protagonistas das marabillosas historias e lendas. Para coñecer mais sobre a cultura castrexa podemos visitar o centro Castrodeza, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico no Pazo de Liñares, as excavacións do Castro do Penedo en Doade, ou pasear polo Castriño de Bendoiro, escavado e sinalizado con paneis polo ADIF por mor do paso do tren de alta velocidade e a quen compete o seu mantemento.

Castriño de Bendoiro

Nos anos 2007 e 2008 con motivo das obras do tren de alta velocidade leváronse a cabo algunhas intervencións arqueolóxicas nas que se atoparon arredor de 30.000 fragmentos e obxetos a maioría de cerámica, muiños de man, instrumentos para machacar e tamén obxetos de adorno persoal de ouro e de bronce. Aínda que o achado mais importante foi o de varias sepulturas de inhumación, cambiando a idea que os expertos tiñan, ata o momento, de que os castrexos incineraban os cadáveres.

Está sinalizado con paneis interpretativos polo ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), propietario dos terreos e encargado do seu mantemento.