Prehistoria

Os numerosos recursos naturais do noso territorio, con abundancia de ríos e bosques, caza e pesca, fixeron que a comarca de Deza e o noso concello en particular fose poboado dende tempos antigos.Proba disto son as múltiples pegadas que os nosos devanceiros deixaron como testemuños do seu paso.

Por todo o municipio numerosas construcións megalíticas así o evidencian, sendo as mais coñecidas, por seren as únicas escavadas ata o momento e pola súa singularidade, as do conxunto Mámoas da Cruz, en Alperiz. Tamén é destacable a cantidade de castros, asentamentos da idade de ferro, que temos no municipio, mais de trinta, o que nos converte nun dos lugares de Galicia con maior concentración destes enclaves típicos da cultura castrexa. En case tódalas parroquias podemos atopar algún, ou varios, destes asentamentos que permanecen no maxín popular como lugares habitados por seres máxicos, protagonistas das marabillosas historias e lendas. Para coñecer mais sobre a cultura castrexa podemos visitar o centro Castrodeza, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico no Pazo de Liñares, as excavacións do Castro do Penedo en Doade, ou pasear polo Castriño de Bendoiro, escavado e sinalizado con paneis polo ADIF por mor do paso do tren de alta velocidade e a quen compete o seu mantemento.

Imaxe: Castro de “O Penedo”

Castro de “O Penedo” O “Castro do Penedo” está situado na parroquia de Doade, a douscentos metros da aldea de Codeseda.

Imaxe: Castriño de Bendoiro

Castriño de Bendoiro Nos anos 2007 e 2008 con motivo das obras do tren de alta velocidade leváronse a cabo algunhas intervencións arqueolóxicas.

Imaxe: Altar do Sol e Mámoas de Alperiz

Altar do Sol e Mámoas de Alperiz Forman parte do Conxunto Megalítico de Alperiz e figuran no catálogo arqueolóxico do concello de Lalín do ano 1999.