Espazos naturais

Falar de Lalín é falar de natureza, de miradoiros dende os que descubrir que o verde, o ocre, o amarelo ou o púrpura teñen centos de matices. Carballeiras, soutos e fragas de conto engalanan este municipio. Impoñentes árbores como os carballos de Vilatuxe, Espinosa ou Bermés, a sobreira do Vento, a árbore do incenso de Rodís, e tantos outros, elévanse como maxestosos centinelas do paso da historia.

Lugares máxicos como o Souto de Quiroga, a carballeira de Barcia ou a do Rodo, tesouros medioambientais como a Serra do Candán ou o Sobreiral do Arnego, son lugares que invitan a pechar os ollos e escoitar o piar dos paxaros, o vento acariñando as follas, o rumor dos centos de regatos e fervenzas onde sentir o abrigo no inverno, o frescor no verán, o perfume das flores na primavera, ou o arrecendo das alfombras de follas no outono ¿Canto tempo fai que non sentes unha paz semellante?

Carballeira de Barcia

O carballo é a árbore máis representativa de Galicia. A dura madeira do carballo foi empregada para a construción de barcos e dise que para facer a frota da Armada Invencible foron cortadas grandes extensións de carballeiras. Ata non hai moito foi materia prima esencial na construción de vivendas, para travesas de ferrocarril e para a elaboración de carbón. Aínda hoxe segue a utilizarse como combustible no rural galego.

Esta carballeira, cunha superficie de 30.000 metros cadrados, era propiedade do cercano pazo de Barcia. Conta con exemplares de máis de douscentos anos, plantados de tal xeito que dende calquera perspectiva se ven ringleiras perfectamente aliñadas. Característica que a convirte nun dos lugares mais fotografados da comarca.

Coordenadas
42.6258333, -008.1902778
Imagen Carballeira de Barcia