Museos

Como sucede cos agasallos, nos museos o importante está no interior, pero o envoltorio desata a nosa imaxinación tentando anticipar que é o que nos agarda dentro. Un pazo do século XVIII restaurado con gusto exquisito, unha aldea na que contido e continente se funden, a vivenda dun xenio científico, un edificio de vangarda, e ata a propia natureza no seu esplendor fan dos museos de Lalín lugares fascinantes.

No museo do Xoguete e a Marioneta achegaraste a estes marabillosos mundos. Coñecerás a súa evolución a través de pezas de distintas épocas, no caso dos xoguetes, e no caso das marionetas, a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que te farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón podes comprender como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir cos teus fillos o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros. No museo municipal Ramón Mª Aller poderás saber mais da vida deste sabio lalinense e da súa contribución á astronomía.

Admirarás unha escolma da obra dun dos pintores galegos mais recoñecidos, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e desfrutarás das exposicións temporais de arte que periodicamente teñen lugar no museo. Os castros da comarca de Deza, as súas lendas, e a súa relación coa gastronomía actual teñen protagonismo no centro Castrodeza. E finalmente, o Museo da Paisaxe, onde o material exposto son as montañas, os prados, os ríos, as vivendas e as granxas... e todo ¡a tamaño natural!

Pazo de Liñares

Pazo de estilo barroco do século XVII. Foi casa dos Taboada, unha das liñaxes máis importantes de Galicia.

Estivo habitado ata principios do século XX, pero a súa época de maior esplendor foi no século XIX, cando persoas senlleiras da época pasan tempadas nel. Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán introducen o Pazo na literatura. Neste pazo naceu e foi bautizado Joaquín Loriga Taboada, quen no 1926 formou parte do raid aéreo Madrid – Manila, o que representou un fito na historia da aviación.

Nos anos 20 do século pasado o derradeiro representante da familia Taboada ten que abandonar o pazo e mudarse a Santiago. A partir de aquí comeza un proceso de cambio de propietarios que desemboca no paulatino deterioro da construción. No ano 2002 é comprado polo Concello de Lalín coa intención de salvalo da ruína e preservalo como referencia histórica da comarca. En 2009 é declarado BIC (Ben de Interés Cultural), na categoría de monumento histórico. No ano 2011, comezan as obras de restauración en colaboración co Ministerio de Fomento, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. A inauguración oficial do pazo para o desfrute público ten lugar a finais do ano 2014 coa súa posta en valor como contedor cultural e referencia arquitectónica da comarca de Deza.

O conxunto actual do pazo, está composto polo edificio principal e dous conxuntos anexos, a capela e o obradoiro por un lado e o forno e o alpendre por outro, rodeado por un muro circundante de pedra.

No edificio principal cabe destacar a beleza da solaina na fachada posterior, a lareira no interior e os escudos de armas dos Churruchaos, López de Lemos, Mosquera e Taboada na fachada principal.

Na planta inferior acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, vinculado ao Museo Provincial de Pontevedra, que conta entre outras con área de exposición dos achados e laboratorio de tratamento e catalogación dos mesmos.

O Museo do Xoguete e a Marioneta ocupa dúas salas na planta inferior, dúas na entreplanta e varias no primeiro andar, con exposición de miles de pezas de xoguetes de distintas épocas, marionetas de diferentes lugares do mundo, cabezudos e non podía faltar unha pequena homenaxe a José Silvent "Barriga Verde" quen percorreu Galicia cos seus espectáculos no século pasado.

Tamén na planta superior pode visitarse a Sala Loriga, espazo adicado á memoria do fillo ilustre Joaquín Loriga Taboada, nado neste mesmo Pazo e gran referente da aviación española, un dos fitos máis importantes da súa traxectoria é o voo Madrid - Manila no 1926 xunto con Esteve e Gallarza formando a Patrulla Elcano.

 

Ademáis existen espazos multifuncionais, como o antigo salón nobre, no que campan as restauradas pinturas e os blasóns do teito, e onde se levan a cabo distintos eventos culturais como actuacións musicais e teatrais, conferencias, exposicións temporais, etc.

Axenda
De martes a sábado: 11:00 a 14:00, 17:00 a 20:00
Visitas
De balde. Grupos reserva previa.
Enderezo
Liñares, s/n - 36512 Prado (Lalín)
Teléfono
986 181 423
Coordenadas
42.6800278, -008.1916667
Imagen Pazo de Liñares