Museos

Como sucede cos agasallos, nos museos o importante está no interior, pero o envoltorio desata a nosa imaxinación tentando anticipar que é o que nos agarda dentro. Un pazo do século XVIII restaurado con gusto exquisito, unha aldea na que contido e continente se funden, a vivenda dun xenio científico, un edificio de vangarda, e ata a propia natureza no seu esplendor fan dos museos de Lalín lugares fascinantes.

No museo do Xoguete e a Marioneta achegaraste a estes marabillosos mundos. Coñecerás a súa evolución a través de pezas de distintas épocas, no caso dos xoguetes, e no caso das marionetas, a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que te farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón podes comprender como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir cos teus fillos o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros. No museo municipal Ramón Mª Aller poderás saber mais da vida deste sabio lalinense e da súa contribución á astronomía.

Admirarás unha escolma da obra dun dos pintores galegos mais recoñecidos, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e desfrutarás das exposicións temporais de arte que periodicamente teñen lugar no museo. Os castros da comarca de Deza, as súas lendas, e a súa relación coa gastronomía actual teñen protagonismo no centro Castrodeza. E finalmente, o Museo da Paisaxe, onde o material exposto son as montañas, os prados, os ríos, as vivendas e as granxas... e todo ¡a tamaño natural!

Museo do Xoguete e a Marioneta

Baixo o suxerente nome de Imaxina e repartido por varias salas do Pazo de Liñares preséntasenos este singular museo que nos achega ao mundo máxico do xoguete e as marionetas.

A colección de A. Chaves conta con máis de mil pezas e recolle xoguetes relacionados co circo, o cine, o transporte, os animais ou as bonecas, entre outros.

 

Empezamos na planta baixa, cunha sala adicada ao circo, o cine e as marionetas. Tamén nesta planta unha sala multimedia, cunha proxección audiovisual sobre a imaxinación creada exclusivamente para o museo.

Na entreplanta dúas salas nas que se recollen xoguetes de todo tipo e de diferentes épocas, permitíndonos coñecer a súa evolución ao longo dos anos.

Xa no primeiro andar, un teatro onde se celebran espectáculos de marionetas e sombras chinesas. E outras salas onde están representadas as compañías máis importantes no mundo das marionetas de Galicia e que nos amosarán a orixe e historia dos monicreques, como se fabrican ou os seus distintos tipos. Posto que conta con marionetas de diferentes procedencias apreciaremos as diferenzas e similitudes destas nos distintos lugares do mundo. Conta tamén cunha peza autómata fabricada exclusivamente para este museo.

 

Tamén teñen un lugar relevante os cabezudos, tanto os de Laxeiro, recreados por Luchi Iglesias, como os feitos por Willy e cedidos ao museo pola asociación Kikiriquí de Botos.

 

E por suposto non podía faltar unha homenaxe a José Silvent "Barriga Verde" quen percorreu Galicia cos seus espectáculos a principios do século XX.

 

Axenda
De martes a sábado: 11:00 a 14:00, 17:00 a 20:00
Visitas
De balde. Grupos con reserva previa.
Enderezo
Liñares, s/n - 36512 Prado (Lalín)
Teléfono
986 181 423
Coordenadas
42.6800278, -008.1916000
Imagen Museo do Xoguete e a Marioneta