Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Sen título (Figuras Humanas)
Autor
Carlos Rial
Ano
1997
Materiais
Formigón
Enderezo
Entorno do Auditorio Municipal
Coordenadas
42.665166, -008.104367

Composición formada por catro grandes siluetas rematadas nunha base semiesférica, que o artista nos presenta a modo de desacougantes balancíns inmóbiles. Cinco integrantes illados nun coro silencioso e aletargado que aguanta con resignación a anguria da eterna rutina. Perante as figuras o espectador agarda curioso tentando descubri-lo enigma que se agocha nos calados tentemozos. Enormes xoguetes de postura parada á espera de ser bambeados.

Peza realizada para a exposición “Galicia Terra Única” onde o artista traballa nunha liña próxima á do escultor americano George Segal, denunciando a condición do home moderno por medio de personaxes cotiás escravizadas pola impotencia.

(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)

Imagen Sen título (Figuras Humanas)