No centro dunha fonte de base triangular redondeada nos vértices sobre unha rocha que bota auga, sitúase unha parella de cabalos rampantes. O autor acostuma a lle dar ás súas esculturas un apoio mínimo co fin de que mesmo semellen despegar do chan, por iso axudados dunha anatomía esaxerada, cada unha destas bestas soamente se sostén nunha das súas patas traseiras, malia que un deles tamén precisa afirma-la cola na rocha. Un dos equinos ergue totalmente o seu corpo, curvando pescozo e testa cara a atrás, nunha traxectoria que tenta a verticalidade. O seu compañeiro póusalle no lombo unha pata dianteira, de xeito que aínda que o título e as posturas nos din que estamos perante unha loita, dende algún dos puntos de vista desta escultura, mesmo se nos fai pensar nunha danza. Estes animais salvaxes axitan os seus corpos nunha exhibición de forza e enfrontamento, na mesma liña da obra que fixera para a Praza de España en Vigo. Fascinado polo mundo dos cabalos que monta, cría e admira dende moi novo, o escultor chega a converter esta paixón no eixe temático principal da súa obra. Esta fonte emprazada nunha encrucillada da vila, recalca o forte vínculo que une a traveso da historia, os cabalos coas terras de Lalín; a Feira do Vento que se celebraba na comarca cada mes de abril, ou a existencia da irmandade dos Cabaleiros de Deza son testemuños palpables desta ligazón.
(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)