O oratorio son dous cubos de pedra, cada un carece dunha cara, engarzados e enfrontados ata maclarse semellan dúas caixas de pedra. O espacio interior resultante ábrese ó exterior a traveso de tres fendas que permiten a entrada dunha raiola de sol e visionar dende dentro da cela o exterior do bosque. Pequena capela ou bunker habitable que se torna nunha sorte de espacio máxico.
O pavillón da auga é un cubo de pedra cunha pequena resgadura na cara norte a xeito de porta, e un burato circular no centro da cara superior, que permite a entrada do sol, choiva ou neve e a recolle nun pequeno estanque de planta cadrada tallado na propia pedra do chan. Debaixo do óculo, ó redor do estanque, e adosado ás catro caras exteriores do cubo, disponse un banco perimetral que só se interrompe para permiti-la entrada e saída da caixa. Arredor do cubo, catro esculturas de formas fantásticas sobre peañas ortogonais, unha diante de cada cara. Cada figura unha cor. Unha ninfa sentada sobre unha base redonda, en postura de ioga, ollando cara o ceo. Unha figura antropomorfa metade home-metade animal con caveira, co corpo medio descarnado, agochado e apoiado nos xeonllos e cóbados, ollando cara a fronte. Unha estraña mutación sedente, ollando cara un lateral; metamorfose de muller con formas orgánicas en descomposición. Unha esfinxe monstruosa, corpo metade paxaro-metade león; dúas cabezas, unha con dous cornos e outra cun só e a lingua fóra.
A mesa parroquial de 33 m de lonxitude e 3,50 m de ancho para unha gran mesa de pedra de forma sensiblemente elíptica, rodeada por un banco tamén da mesma pedra, ben axeitada para xuntanzas veciñais.
(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)