As polémicas veciñais acerca da oportunidade de situar esta obra no centro da vila, medio pobo a favor e medio en contra, xa foron un bo agoiro para este animal que se pasea mansamente pola rúa de Lalín. Finalmente, cando a xente toda estivo afeita á súa presencia, converteuse no punto da vila máis fotografado; constatación de presencia, a xeito de souvenir. A escultura afincada directamente sobre o pavimento, traballada con soltura e realismo amosa un bo exemplar porcino; carne de calidade embutida que se forma e presenta en metálica conserva. Un descarado fociño e unha incógnita ollada que se agocha tras dunhas grandes orellas colgantes, presiden a cacheira ladeada deste porco pesado e robusto que camiña paseniño exhibindo as redondeces do seu corpo gordecho. Á hora de facerlle unha merecida homenaxe a un dos animais máis salientables do gando galego, que é por iso unha dedicatoria ó protagonista absoluto da gastronomía local, Manolo Rial imaxinou un porco ben feito, san, cebado, capado e sen cheiro; un porco que folga calmo, elegante e rotundo pola vila, ignorante da chegada do San Martiño.
(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)