Colocada sobre un gran penedo reboludo atopamos esta maternidade sedente amamantando ó seu recén namentres que outro fillo se lle prende pola dereita, sen deixármonos ve-la súa cara.
A muller-madona de longo cabelo recollido en trenza, semella pensativa e a súa indumentaria é ben sinxela: zocos, saia longa, e unha camisa que destapa con orgullo un dos seus xenerosos peitos.
É ben doado recoñecer nestas formas redondeadas polo canteiro a figura da matriarca galega tan sobria e robusta como a mesma solución escultórica. Mamanteira xenerosa e portectora como naquela lonxana historia de Rómulo e Remo. Nai que tantas veces saíu do obradoiro deste artista de Alemparte. De seguro que o mestre tentando render homenaxe a tódalas nais galegas pensaba na súa que non chegou a coñecer.
Cabe salientar que, aproveitando a cor caprichosa dunha veta de granito, o rapaz que está espido presenta unha fermosa pel rosada.
(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)