Esculturas

Lalín é terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

Unhas monumentais, outras discretas, unhas figurativas, outras abstractas. Todas teñen unha historia detrás, anímate a descubrila!

Á Deusa Deza
Autor
Acisclo Manzano
Ano
1994
Materiais
Bronce e granito
Enderezo
Rotonda de confluencia das rúas Ponte, Xosé Cuiña, Corredoira e Avda. de Cruces
Coordenadas
42.6649722, -008.1182500

Nalgunha ocasión ten falado o autor do moito que lle gusta dende neno levanta-la cabeza para gozar das esculturas que máis admira, como a grega ou a do Pórtico da Gloria; quizais por este motivo case tódalas súas esculturas estean no alto, coma esta Venus de Deza, elevada sobre dun piar cilíndrico de formigón.

Acisclo reduce o corpo humano a unha forma case que abstracta para presentarnos o fragmento dun torso de feminidade levemente insinuada a traveso dunha ondulación das formas que evocan unha coiraza. Por medio do tratamento do bronce, nacen as suaves curvas no estilizado talle da deusa - ménade Dezá.

O escultor ourensán combina a convexidade coas granulacións e traballa con distintas platinas de óxido bañando a peza en matices de cor. Como se doutra realidade se tratara, e, de feito, colocada detrás e dándolle as costas, aparece unha figuriña de moucho de tratamento e solución claramente distinta e deliberadamente moito máis figurativa.

Dende mediados dos 60, os torsos femininos cubertos con túnicas convértense nun dos temas recorrentes na obra de Acisclo. Unha vez máis o artista desenvolve un dos temas predilectos do seu repertorio iconográfico; as imaxes extraídas do mundo clásico e helenístico gregos.

Apuntar como curiosidade que as xentes de Lalín teñen bautizado esta peza coma "A folla de bacallao".

(Texto traducido, orixinal de : Alicia Fernández Dapena)

Imagen Á Deusa Deza