Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Ponte dos Cabalos

Construída no ano 970, sobre o río Arnego. Ponte feita en pedra, conta con dous arcos de medio punto sobre os que se apoia o taboleiro feito de grandes laxes. Na actualidade carece de peitoril.

É a única que queda en pe das seis que se construíron na Idade Media e que enlazaban a bisbarra do Deza con Antas de Ulla.

Esta ponte, un dos monumentos mais antigos da bisbarra, tamén era coñecida como “ponte do portádego” xa que cumpría pagar un imposto para cruzala, para esta fin había unha pedra que estaba no lugar de Parada, este nome designa todos aqueles lugares ao longo dos camiños onde se cobraba a “parata”, o que viña sendo unha aduana.

Hoxe en día sigue sendo enlace entre las localidades de Gurgueiro (Agolada) e Parada (Lalín). Ambos concellos impulsaron de maneira conxunta a súa rehabilitación finalizada no ano 2021.

(Fotografía de James Sosa, premiada no II Concurso de Fotografía Turística)

Coordenadas
42.7263056, -008.0259167
Imagen Ponte dos Cabalos