O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.
Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.
Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío aos seus privilexiados hóspedes.
E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.