UN TOTAL DE TRES CANDIDATURAS OPTAN Á DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR DO CONCELLO DE LALÍN, QUE SE ENTREGARÁ O 24 DE FEBREIRO NOS ACTOS OFICIAIS DA FEIRA DO COCIDO

UN TOTAL DE TRES CANDIDATURAS OPTAN Á DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR DO CONCELLO DE LALÍN, QUE SE ENTREGARÁ O 24 DE FEBREIRO NOS ACTOS OFICIAIS DA FEIRA DO COCIDO
Luns 11 de Febreiro de 2019 - Repiten nesta cuarta edición as parroquias de Doade e Xaxán, mentres que tamén se presenta por vez primeira unha proposta da parroquia de Donsión O xurado ten previsto emitir o fallo o día 14 de febreiro. O galardón recoñecerá a aquel núcleo rural que máis destaque polo coidado dos seus espazos así como polo seu dinamismo social. O premio enmárcase dentro das medidas do Goberno para a promoción e recuperación do rural.

Un total de tres núcleos rurais do Concello de Lalín optan a facerse coa cuarta edición da distinción Aldea Singular posta en marcha polo Goberno local coa pretensión de poñer en valor o rural recoñecendo a aquela aldea ou parroquia do municipio que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural, integración veciñal etc. Nesta ocasión repiten candidatura con respecto a anteriores ocasións as parroquias de Doade e Xaxán, mentres que se presenta por vez primeira a de Donsión. A entrega deste galardón terá lugar durante os actos oficiais da LI Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o 24 de febreiro.

Esta distinción pioneira ten unha dotación económica de 15.000 euros que o núcleo gañador debe investir en actuacións que redunden beneficiosamente para conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.

O xurado que valorará os proxectos presentados ten previsto emitir o fallo o día 14 de febreiro. O tribunal do premio estará presidido polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e composto polos concelleiros de Urbanismo, Facenda, Cultura, Rural e Obras. Tamén se propón a participación de dous concelleiros designados pola oposición municipal. Así mesmo, formará parte do tribunal un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O xurado outorgará a distinción á candidatura que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos. O premio outorgarase a unha soa candidatura que será a que obteña maior puntuación por parte do xurado. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

O Goberno de Lalín quere mostrar o seu agradecemento polo esforzo realizado por cada unha das parroquias candidatas xa que “aínda que non se entrou a valorar os proxectos, simplemente coa verificación da documentación se pode apreciar o inxente traballo dos veciños e veciñas, con propostas moi elaboradas e de gran nivel, que farán moi difícil a decisión do xurado”. O Concello de Lalín “continúa coa súa aposta firme pola recuperación e dotación de servizos ao rural, unha prioridade que se reflicte coa posta en marcha deste galardón, que chega á súa cuarta edición, e que xa está consolidado como exemplo dun Concello cun rural vivo, dinámico e exemplar”.

Esta distinción, que forma parte dos acordos recollidos no pacto de goberno do Concello de Lalín, segue reflectindo a firme e decidida aposta do Goberno municipal por poñer en valor o rural como elemento clave na propia identidade social de Lalín e como un dos motores da nosa economía polo que se quere fomentar a súa rehabilitación e recuperación. Trátase, explica o Goberno, dunha iniciativa que aproveitando o alcance e a difusión da Feira do Cocido para recoñecer a importancia das nosos parroquias e para fomentar o coidado e conservación dos núcleos rurais e dos seus espazos naturais. Ademais, con este galardón integrado nas actividades da Feira do Cocido, o Goberno segue dando cumprimento ao seu programa de traballo e continúa potenciando a celebración gastronómica facendo que sexa o pobo o seu gran protagonista.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín