REMATA O VERÁN CUN DOS MAIORES ESFORZOS CONCILIADORES POR PARTE DO CONCELLO NA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

REMATA O VERÁN CUN DOS MAIORES ESFORZOS CONCILIADORES POR PARTE DO CONCELLO NA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES
Xoves 13 de Septembro de 2018 - Uns 300 rapaces e rapazas participaron nos campamentos urbanos, no campamento do mar e na escola de verán. González Casares valorou moi positivamente o desenvolvemento das diferentes actividades e indicou que a intención do Goberno e seguir nesta liña de cara a próximos anos. Por primeira vez resérvanse prazas adaptadas nos campamentos urbanos para participantes con necesidades especiais.

Máis de 300 rapaces e rapazas participaron este ano nas actividades xuvenís estivais programadas polo Concello de Lalín (escola de verán, campamento urbano e campamento no mar), no que supón, segundo o concelleiro de Benestar Social “un dos maiores esforzos en aras da conciliación xamais realizado neste concello”. O Goberno de Lalín, a través da concellería de Benestar, imprimiulle a estas actividades un marcado carácter social, con máis de 95 prazas gratuítas, destinadas a menores de familias con escasos recursos. Así mesmo, por primeira vez, o Concello asignou prazas nos campamento urbanos para nenos e nenas con necesidades especiais e, debido á alta demanda nestas actividade, incluso se aproveitou o campamento do Club Balonmán Lalín para dar cabida en cada quenda a 5 nenos e nenas remitidos polo Concello e pertencentes a entidades familiares con dificultades e reservouse unha praza para un dos nenos saharauís do programa Vacacións en Paz. Tampouco se pode esquecer que a entrada ás piscinas exteriores tivo prezos reducidos para menores e foi gratuíta para as familias en dificultade socioeconómica. Ademais, por primeira vez, tamén houbo descontos para as familias numerosas nas matrículas dos campamentos e nos accesos ás piscinas.

González Casares, que participou onte na última xornada do campamento urbano, valorou moi positivamente o desenvolvemento das diferentes actividades xuvenís da época estival que supuxeron un investimento de máis de 42 mil euros e que foron, tal e como indicou, “unha mostra máis do gran esforzo que está a realizar o Goberno dende o inicio de mandato por manter as actividades para os máis cativos”. Casares fixo fincapé no marcado contido social, “xa que máis do 33 por cento das prazas foron gratuítas e, tamén como novidade este ano, establecéronse importantes descontos para familias numerosas”. Ademais, co obxectivo de fomentar a integración social, lembrou que “o Concello tamén decidiu incluír por primeira vez nos campamentos deportivos urbanos de este ano ata un total de catro prazas adaptadas para participantes con necesidades especiais e introducir importantes descontos para familias numerosas”.

Por outra banda, o edil anunciou que este tipo de iniciativas se verán se complementarán ao longo de todo o ano coas actividades que se van realizar ao abeiro do Plan Concilia, dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80 por cento por fondos FEDER dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.

As actividades xuvenís do verán tamén teñen a intención promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudable e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles ás familias a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Unha vez rematados os campamentos, realizarase unha valoración máis profunda dos mesmos, entendendo o Goberno de Lalín que a liña actual será seguida nos próximos anos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín