PRETO DE 150 PERSOAS OPTAN AOS 32 POSTOS DE TRABALLO QUE OFERTA LALÍN A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS

PRETO DE 150 PERSOAS OPTAN AOS 32 POSTOS DE TRABALLO QUE OFERTA LALÍN A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS
Luns 4 de Marzo de 2019 - Os aspirantes foron convocados hoxe a diferentes reunións informativas, antes das probas de selección que se desenvolverán nas vindeiras semanas. O Goberno recolle a preocupación amosada nos últimos días por diferentes persoas que, malia cumprir cos requisitos para participar neste procedemento, non foron seleccionados polo SEPE, que é quen fai a escolla dos candidatos para cada un dos postos. O Goberno inviste nesta iniciativa 371 mil euros, que se van financiar con cargo á liña 3 do Plan Concellos.

Unhas 150 persoas de diferentes especialidades laborais preseleccionadas polo SEPE déronse cita ao longo desta mañá no concello para participar na primeira fase do proceso selectivo de 32 traballadores que Lalín contratará a través do plan de Concellos da Deputación. Nesta primeira fase os técnicos municipais de emprego, acompañados do concelleiro José Manuel Fernández, ofrecéronlles aos aspirantes charlas informativas nas que se lles explicou minuciosamente o sistema a través do que se articulará a selección de persoal.

Así, os candidatos ás diferentes prazas será citados de novo nos vindeiros días para concorrer ás diferentes probas adaptadas as distintas modalidades laborais. Esta previsto que unha vez rematado o procedemento, os contratados poidan incorporarse aos postos de traballo nas primeiras semanas do mes de marzo. A selección de traballadores estase a realizar mediante un proceso totalmente aberto buscándose que nel participasen o maior número de cidadáns. En calquera caso, o Goberno lembra que a selección dos candidatos que aspiran a cada un dos postos ofertados depende única e exclusivamente dos criterios e baremos que utiliza o Servizo Público de Emprego. O Concello o único que fai neste proceso é remitir a listaxe de postos ofertados e, a partir de aí, é a oficina de emprego a que realiza a selección de candidatos. Son, en concreto, 5 para cada posto ofertado, aínda que, en algúns casos, a cifra de aspirantes remitida polo antigo INEM foi menor.

Neste sentido, o Concello ten constancia de que para algúns deses postos había persoas que daban o perfil para ser candidatos e que non foron seleccionadas pola oficina de emprego. Debido a isto, e tal e como xa se fixo en anos anteriores, o Goberno recolle a preocupación amosada por diferentes usuarios que, malia cumprir cos requisitos para seren escollidos, quedaron fóra dos procesos de contratación e volve a pedirlle ao SEPE que amplíe os criterios que utiliza para poder darlle cabida neste tipo de procesos ao maior número de persoas, máxime cando para algunhas vacantes non se remitiron os cinco candidatos estipulados.

O Goberno vai destinar este ano máis de 371 mil euros, na súa maioría procedentes da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra (a contía máxima permitida), á contratación destes 32 novos traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Os contratos terán unha duración de entre 6 e 8 meses, dependendo do posto de traballo. A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Cos novos contratos búscase dar saída ás necesidades de persoal dos servizos xerais.

En concreto, a nómina de traballadores solicitados polo Concello de Lalín segundo a súa ocupación profesional é a seguinte: 3 auxiliares administrativos para os departamentos de intervención, servizos sociais e estatística, 3 auxiliares de información turística, 1 bibliotecario, 1 auxiliar de biblioteca, 1 xardineiro oficial de primeira, 3 auxiliares de xardinería, 1 carpinteiro oficial de primeira, 5 peóns albaneis, 2 peóns de pintura, 2 peóns de obras públicas, 1 condutor de camión oficial de primeira, 2 condutores de tractor desbrozadora oficiais de primeira, 5 conserxes para deportes, 1 técnico de secretaría para a Secretaría Xeral e 1 técnico de comercio.

O responsable de emprego, José Manuel Fernández, salienta que, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do Concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía”. Con todo, destaca outro factor que ao seu parecer “é aínda máis importante, pois estamos a pór en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento de dificultades no mercado laboral”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín