A PARROQUIA DE DOADE, ALDEA SINGULAR DO CONCELLO DE LALÍN 2019

A PARROQUIA DE DOADE, ALDEA SINGULAR DO CONCELLO DE LALÍN 2019
Martes 19 de Febreiro de 2019 - O xurado valorou moi positivamente a súa conservación arquitectónica e, en especial, a súa intensa labor na recuperación do patrimonio histórico-cultural. Este galardón creouse para recoñecer a aquel núcleo rural que máis destaque polo coidado dos seus espazos, así como polo seu dinamismo social. A distinción será entregada dentro dos actos oficiais da LI Feira do Cocido. Os membros do xurado quixeron facer explícito o seu recoñecemento ao elevado nivel do conxunto das candidaturas presentadas.

A cuarta edición da distinción Aldea Singular do Concello de Lalín xa ten gañadora: a proposta presentada pola parroquia de Doade vén de facerse co galardón que instaurou o Goberno de Lalín para recoñecer a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna arquitectónica, natural, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural ou de integración veciñal. A candidatura presentada pola Asociación de Amigos da Casa do Patrón foi a proposta que finalmente acadou a puntuación máis alta entre as tres que este ano concorreron ao certame (Doade, Donsión e Xaxán) alcanzando os 79.5 puntos sobre 100. Esta parroquia súmase así a Soutolongo, Zobra e A Xesta, parroquias condecoradas con esta distinción nos anos anteriores.

En concreto, tal e como recolle o fallo, o xurado valorou de maneira moi positiva a conservación arquitectónica da parroquia e a súa integración coa paisaxe. Non obstante, o tribunal sinalou como aspecto diferenciado desta candidatura o seu recoñecido traballo a prol da recuperación do patrimonio histórico, destacando neste sentido as actuación postas en marcha no castro desta localidade nos últimos anos, con escavacións arqueolóxicas que deron como resultado a descuberta dunha vivenda castrexa, dunha parte moi importante da muralla e de milleiros de pezas de material arqueolóxico de gran valor. Así mesmo, estas exploracións postas en marcha polo Museo Casa Do Patrón no castro -tal e como recoñeceu o xurado- contribuíron a seguir divulgando a nosa riqueza histórico-cultural e serven como elemento de atractivo turístico dentro do municipio. Os membros do tribunal tamén valoraron moi positivamente a posta en marcha por parte desta entidade dunha ruta de sendeirismo homologada, denominada Ruta do Castro de Doade. Trátase dun itinerario circular de 14 quilómetros de percorrido que comeza e remata no lugar de Codeseda e que, ademais de dar a coñecer o castro que lle dá nome, percorre fermosos camiños rurais, carreiros e sendas á beira do río Asneiro, así como carballeiras, soutos, pontellas, muíños e fermosas contornas naturais.

Ademais, Doade é unha parroquia que salienta pola súa elevada e recoñecida actividade sociocultural, unha cuestión que se relatou detalladamente e con consistente apoio documental e gráfico na memoria entregada, destacando a Festa da Malla Tradicional que cada verán se celebra en Codeseda organizada pola Casa do Patrón. Esta candidatura tamén presentou unha boa proposta de traballos de recuperación do patrimonio na aldea e as memorias presentadas para defender a candidatura foron destacadas por varios membros do tribunal. Por último, os membros do xurado quixeron deixar tamén constancia do excelente traballo presentado pola parroquia de Donsión, onde destacaba o atractivo o proxecto presentado na memoria.

O xurado estivo composto polo alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, o concelleiro de Rural, Miguel Medela, o de Obras, Francisco Vilariño, o arquitecto municipal, Martín Cerreda, o profesional independente da arquitectura, Luís Fernández, o experto medioambiental, Antonio Presas e o artista local, Armindo Salgueiro. Cada membro outorgou a súa puntuación a cada unha das candidaturas presentadas tendo en conta factores como a conservación urbanística e arquitectónica da parroquia, a súa integración na paisaxe e o coidado dos seus valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado, outorgándolle a condecoración a aquela que obtivo maior puntuación dun total de 100 puntos.

Nas súas deliberacións, os membros do xurado quixeron facer explícito o seu recoñecemento ao elevado nivel do conxunto das candidaturas presentadas, poñendo de relevo que en todas as propostas se apreciaron compoñentes moi interesantes, que tamén serían merecedores deste galardón. O Concello agradece o esforzo das veciñas e veciños que dedicaron parte do seu tempo nos últimos meses para presentar estes proxectos e anímaos a seguir traballando de cara a futuras edicións da distinción Aldea Singular. Neste sentido, o Concello apreciou nas candidaturas algunhas iniciativas de recuperación que merecen ser tidas en conta para avanzar na posta en valor e recuperación do rural.

A distinción Aldea Singular, que puxo en marcha o Goberno local, está dotado cun premio de 15.000 euros para a candidatura gañadora. A proposta que obtivo a distinción, neste caso a presentada por Doade, deberá investir o importe do premio en actuacións que redunden beneficiosamente ao conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público.

O premio Aldea Singular está recollido no pacto de goberno dentro das medidas de promoción e recuperación do rural, unha das prioridades que se marcou o executivo para este mandato. Así mesmo, este recoñecemento encáixase nas actividades relacionadas coa Feira do Cocido, de modo que tamén se contribúe a impulsar o evento gastronómico e a darlle protagonismo ao rural dentro do festexo. A entrega deste galardón terá lugar durante os actos oficiais da LI Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o 24 de febreiro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín