PARQUE INFANTIL DA CORREDOIRA E O MÓDULO DE PARKOUR DA PRAZA ALDEA GRANDE

 PARQUE INFANTIL DA CORREDOIRA E O MÓDULO DE PARKOUR DA PRAZA ALDEA GRANDE
Luns 11 de Febreiro de 2019 - Celia Alonso e González Casares supervisaron hoxe o avance destas actuacións que plasman o compromiso do Goberno municipal por incrementar os espazos para o ocio e desfrute saudable dos máis novos. A próxima semana tamén darán comezo as obras de mellora do parque da casa da xuventude que se levan a cabo cun investimento de 38 mil euros.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, realizaron hoxe unha visita ao novo parque infantil ubicado na rúa Carballeira da Botica, concretamente na parcela municipal lindeira á horta comunitaria e ás obras de instalación dun módulo para a práctica do parkour que se están levando a cabo na praza superior intermedia do aparcadoiro Aldea Grande. Os membros do Goberno informaron de que ambas áreas de ocio xuvenil se abriran ao uso a vindeira semana, unha vez se asine a acta de recepción entre a empresa adxudicataria e o Concello, incrementando así a oferta de espazos públicos de lecer e xogo e plasmando o compromiso do Goberno municipal por incrementar as áreas para o ocio e desfrute saudable dos máis novos.

Casares e Alonso informaron de que o parque da zona da Corredoira xa está completamente rematado e á espera de que poida comezar a empregarse a semana que vén. Segundo afirmaron, esta nova instalación servirá para dar resposta a unha demanda da cidadanía desta zona, que reclamaba xa dende a etapa do PP un lugar de lecer para os nenos e nenas do barrio (Carragoso e A Corredoira), posto que esta área urbana non contaba na actualidade con ningún parque infantil. Precisamente, os membros do Goberno lembraron que o mencionado parque se ía construir xa en 2016 con fondos procedentes dos remanentes, pero que non puido realizarse por votar en contra do mesmo en Pleno a coalición formada polo Partido Popular e o tránsfuga, JJ Cruz. Porén, foi preciso botar man de fondos provinciais para poder executalo sendo, a partir de agora, moi numerosos os usuarios que se beneficiarán da nova instalación, coa que se evitará, ademais, que os máis pequenos do lugar teñan que desprazarse a outros puntos da vila, como o Regueiriño e cruzar estradas tan transitadas como a Avenida Xosé Cuíña. A área inclúe diferentes elementos de xogo como columpios, balancíns e tobogáns.

Por outra banda, as obras de instalación dun módulo de parkour na parte superior do aparcadoiro Aldea Grande continuaban hoxe e quedarán finalizadas nos próximos días. Nicolás González Casares e Celia Alonso achegáronse á zona para supervisar o seu avance e tiveron a oportunidade de falar con algúns dos mozos que van facer uso do mesmo e que expresaron a súa satisfacción por esta iniciativa. Segundo os concelleiros, o parkour é unha práctica que gaña cada vez máis adeptos entre a xuventude polo que este módulo vai ter unha gran acollida. A este espazo sumarase, como lembraron, o traslado á mesma zona nos próximos días do skatepark da zona do auditorio o que converterá o lugar nun gran centro de deporte urbano. Ademais, a todo isto súmase o parque infantil e a área multideporte que xa están en uso e que en conxunto transformaron a parte superior do aparcadoiro Aldea Grande nun espazo de xogos e lecer céntrico para a mocidade cheo de vida, fronte ao abandono e desuso no que se atopaba anterioremente.

Parque Penatoares

A concelleira de Parques e Xardíns aproveitou para anunciar que membros de protección civil precintaron hoxe o parque infantil situado na rúa Penatoares á beira da casa da xuventude posto que a semana que vén darán comezo as obras de mellora desta infraestrutura. A concelleira sinalou que esta área se atopa moi deteriorada polo que mediante un investimento de 38 mil euros se acometerá un proxecto de arranxo do que se beneficiarán os numerosos usuarios da instalación e que incluirá a colocación de xogos novos, de valados de madeira, ou o arranxo da superficie, entre outras actuacións de mellora.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín