As concelleiras Paz Pérez Asorey e Begoña Blanco Blanco mantiveron esta tarde un primeiro encontro coa xunta directiva do CMUS Profesional de Lalín para analizar a situación actual do Conservatorio.
Neste contacto inicial as concelleiras transmitiron ao persoal do Conservatorio unha mensaxe de tranquilidade, posto que o CMUS Profesional de Lalín é unha prioridade para o novo goberno. Neste sentido as representantes municipais indicaron que tentarán non só resolver as eivas que se rexistran nese momento, senón tamén buscar o xeito de potenciar e recuperar a actividade deste Conservatorio que foi punteiro en Galicia.
Ao respecto explicaron aos directivos do Conservatorio que unha das primeiras consultas que se fixeron á Intervención Municipal foi a relativa á inexistencia de profesores de trompa e trompeta e a procura dunha solución inmediata que permita resolver o problema, mentres o Padroado non conte cunha Relación Postos de Traballo (RPT) que permita dotar a este centro municipal de todos os mestres e do persoal necesario para o seu correcto funcionamento.
VINDEIRA XUNTANZA
As concelleiras emprazaron aos técnicos do Conservatorio a unha xuntanza en vindeiras datas para concretar o resultado das consultas realizadas ante a Secretaría e a Intervención Municipal e as posibles solucións para rematar un problema que se reproduciu con continuidade nos dous últimos anos sen que fose posible atopar unha solución.
Blanco e Pérez explicaron que a solución ideal é a de elaborar unha RPT cos postos necesarios, pero é unha saída a medio prazo polo tempo que implica a realización deste documento, co que se necesita unha solución a máis curto prazo, e que buscarán o máis axiña posible.
Así, as representantes municipais estarán en contacto coa directiva do Conservatorio e manterán unha nova reunión con eles, así como cos pais dos alumnos afectados para explicarlle a solución adoptada a curto prazo.