OS BONOS DAS AXUDAS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO ESTARÁN DISPOÑIBLES NO CONCELLO A PRÓXIMA SEMANA

OS BONOS DAS AXUDAS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO ESTARÁN DISPOÑIBLES NO CONCELLO A PRÓXIMA SEMANA
Xoves 15 de Septembro de 2016 - En total recibirán as bonificacións, ás que o Concello destina 18.000 euros, 225 alumnos e alumnas matriculados en centros de Lalín.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, mantivo unha reunión nos pasados días con representantes dos establecementos libreiros e deportivos de Lalín, coa finalidade de organizar a entrega das bolsas complementarias ao estudo do Concello de Lalín para o curso 2016/2017. Como explicou o tamén tenente de alcalde, o Concello xa ten elaborados os listados de beneficiarios para a recepción destas axudas, pero está á espera dos certificados de matriculación dos institutos que corroboren que os solicitantes están estudando o curso indicado. Está previsto que as certificacións que faltan sexan entregadas polos centros educativos durante os próximos días, de modo que os vales poderán empezar a ser recollidos polos estudantes na próxima semana.

En total recibirán as bonificacións, ás que o Concello destina 18.000 euros, 225 alumnos e alumnas matriculados en centros de Lalín. As bolsas teñen un valor de 80 euros cada unha. Esta contía será entregada a cada beneficiario mediante un vale (a destinar a material escolar e/ou a textos de lectura) ou dous vales (polo importe do 50 por cento da axuda cada un, a destinar en material escolar e/ou textos de lectura e en material e vestiario deportivo, calzado, etc).

Os adxudicatarios das bolsas deberán achegarse ás librerías e tendas de deportes lalinenses a trocar os seus vales. Unha vez efectuadas as transaccións, os establecementos pasaranlle as facturas ao Concello para serlle aboadas. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín