OS BENEFICIARIOS DAS BOLSAS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO PODEN RECOLLER OS SEUS VALES NO CONCELLO

OS BENEFICIARIOS DAS BOLSAS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO PODEN RECOLLER OS SEUS VALES NO CONCELLO
Xoves 25 de Outubro de 2018 - Concedéronse un total de 153 bolsas das que se beneficiarán 91 familias do municipio, por valor de 80 euros cada unha. Casares destacou que a concesión das becas se realizou seguindo diferentes criterios de valoración económicos e sociais para que estas axudas beneficien realmente a quen máis o precisa”.

O concelleiro de Benestar Sociais, Nicolás González Casares, anunciou que os beneficiarios da convocatoria de bolsas para a compra de material escolar poderán empezar a recoller os seus vales dende mañá, martes, día 23 de outubro, a partir das 12.00 horas, nas dependencias do Concello de Lalín. Nesta convocatoria destináronse un total de 18.000 euros ás axudas complementarias ao estudo para que as familias con menos recursos económicos poidan afrontar a adquisición de material escolar e roupa deportiva de cara o curso académico 2018/2019.

Con cargo a esta cantidade concedéronse un total de 153 bolsas das que se beneficiarán 91 familias do municipio, por valor de 80 euros cada unha. Esta contía será entregada a cada beneficiario mediante un vale (a destinar a material escolar e/ou a textos de lectura) ou dous vales (polo importe do 50 por cento da axuda cada un, a destinar en material escolar e/ou textos de lectura e en material e vestiario deportivo, calzado, etc).

Os vales terán que ser cambiados en librerías ou comercio minorista de Lalín –o que permite que esta iniciativa tamén contribúa á dinamización económica deste sector- e polo importe máximo que figura no documento. Co vale achegarase a relación de establecementos nos que se poderán cambiar. Se o importe do material é superior ao valor do vale a diferenza será aboada polo solicitante.

Casares explicou que a concesión das becas se realizou seguindo “os correspondentes criterios de valoración económicos e sociais para cumprir o obxectivo fundamental de que estas axudas beneficien realmente a quen máis o precisa”. González Casares lembrou, por exemplo, que “a discapacidade contémplase como elemento de discriminación positiva, así como a maior unidade de membros da unidade de convivencia”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín