O PROXECTO DE REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA RECIBE A AUTORIZACIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO

O PROXECTO DE REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA RECIBE A AUTORIZACIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO
Mércores 2 de Xaneiro de 2019 - De acordo cos requirimentos recollidos nese permiso, o Concello xa iniciou o proceso para contratación do preceptivo estudo de intervención arqueolóxica Nicolás González Casares anuncia que, unha vez se resolvan todos os trámites, as actuacións sacaranse a concurso por un importe de máis de 280 mil euros. O tenente de alcalde indica que os avances nesta iniciativa, xunto con outras que xa están en proceso de licitación ou adxudicadas, demostran o bo ritmo de execución dos proxectos incluídos na estratexia DUSI Lalín Ssuma 21. A rehabilitación de Lalín de Arriba incluirá a humanización das rúas mediante unha solución que evocará unha calzada, o soterramento do tendido eléctrico e melloras nos suministros e abastecementos.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o proxecto de rehabilitación de Lalín de Arriba xa conta co visto e prace da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. O edil indica que “tras traballar en permanente contacto con este departamento nos últimos meses, solventar dúbidas e solucionar pequenos detalles, o permiso indica que as actuacións proxectadas nesta zona ao abeiro da estratexia DUSI “Lalín Ssuma 21” son compatibles coa normativa de protección do patrimonio e a conservación dos valores do Camiño de Santiago”.

En calquera caso, ademais dos condicionantes técnicos específicos, a resolución indica que, con anterioridade ao inicio das obras, o Concello deberá presentar o preceptivo proxecto de intervención arqueolóxica. Este estudo debe contemplar a realización de sondaxes valorativas no entorno da Igrexa románica de San Martiño de Lalín e do Cruceiro de Lalín de Arriba -co obxectivo de documentar as posibles evidencias arqueolóxicas vinculadas á propia Igrexa- así como á traza proposta para o Camiño de Inverno, unha ruta xacobea que transcorre polo municipio e entra no casco urbano por Lalín de Arriba. Neste sentido, González Casares afirma que “Patrimonio considera que a iniciativa do Concello garante a salvagarda das súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas do Camiño, xa que servirá para poñer en valor os bens no ámbito de actuación sen restarlles protagonismo”.

O concelleiro de Urbanismo explica tamén que o Concello xa procedeu a iniciar a contratación dese proxecto de intervención arqueolóxica e que, “de maneira paralela, e ao obxecto de acompasar e axilizar os trámites administrativos, tamén se está a traballar para poder licitar canto antes unhas actuacións que teñen un orzamento previsto de 281.250 euros”. “O avance na tramitación deste proxecto”, salienta Casares, “súmase a outras iniciativas que están en proceso de licitación ou xa adxudicados e que demostran o bo ritmo de execución que está a levar o Concello na tramitación da estratexia DUSI”.

O proxecto de rehabilitación de Lalín de Arriba está enmarcado na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020). Foi redactado polo arquitecto Luís Fernández en base a un estudo histórico elaborado previamente. Con este punto de partida, a solución prevista para a humanización das rúas farase mediante a dotación dun pavimento a base de formigón lavado que lembrará a cor da terra, intercalado con lousas granítica nas marxes e na zona central, co obxecto de dar a conformidade de camiño. Esta mellora permitirá, ademais, crear unha calzada ben marcada e cun deseño óptimo para poñer en valor a entrada á vila do Camiño de Inverno.

Así mesmo, outras zonas próximas de salientable singularidade serán humanizadas mediante diferentes pavimentos, co obxecto de darlle un aspecto máis nobre e definido. A maiores, tal e como explicou González Casares, tamén se incluirán na actuación medidas propostas polos veciños nas reunións participativas celebradas para dar a coñecer o proxecto. Desta maneira, vaise arranxar a fonte próxima ao Cruceiro, un elemento patrimonial histórico que se atopa en mal estado e carece de funcionamento. Ademais das actuacións citadas, tamén contempla importantes melloras no ámbito dos servizos tales como o soterramento da rede de tendido eléctrico e a incorporación de novas instalacións de abastecemento como gas natural, cable de telecomunicacións e melloras na separación de augas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín