O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES FINALIZA O PRÓXIMO MÉRCORES, DÍA 26

O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES FINALIZA O PRÓXIMO MÉRCORES, DÍA 26
Xoves 20 de Septembro de 2018 - Existe a modalidade diaria para as persoas que empreguen o bus de luns a venres e a semanal, para as que empreguen os bonos dúas veces á semana. Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán presentar nas dependencias de Benestar Social ou no Rexistro Xeral do Concello de Lalín a documentación requerida. As axudas chegarán a cubrir ata o 75% do prezo do pase.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, lembrou hoxe que o prazo para solicitar axudas municipais ao transporte de estudantes finaliza o vindeiro mércores, día 26 setembro. Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán presentar nas dependencias de Benestar Social ou no Rexistro Xeral do Concello de Lalín a documentación requerida, entre a que se atopa unha copia cotexada do DNI, NIE ou pasaporte do/a solicitante en vigor, no caso de que sexa a primeira vez que se presenta a solicitude, unha fotografía tamaño carne da/o solicitante, un xustificante de matrícula nos centros de ensino onde se cursen as ensinanzas reguladas na base sexta, ou unha fotocopia da declaración da renda do último exercicio económico.

O obxectivo destas axudas é contribuír a reducir os efectos negativos nas economías familiares máis débiles polos gastos do transporte dende Lalín aos diversos centros universitarios dos alumnos empadroados no municipio. Desta maneira, tal e como indica Nicolás González Casares, o Concello volve activar as necesarias medidas para garantir, no eido das súas competencias, a igualdade de oportunidades no acceso de todos os cidadáns á educación e á formación.

Con esta base, artéllanse dúas modalidades de bonos para o transporte universitario: Unha de carácter diario, para as persoas que empreguen o bus de luns a venres e outra semanal, para os que empreguen os bonos dúas veces á semana. Ao abeiro dos convenios que o Concello xestiona con dúas empresas de transporte, estas ofertan unha bonificación xeral do 35% sobre o custo ordinario do prezo do billete en ambas modalidades. Non obstante e, en función da renda, os estudantes poden ter dereito a novos tipos de subvención, a través dos que na modalidade diaria se poderá chegar a alcanzar unha rebaixa de ata o 75% no prezo do pase, mentres que na modalidade semanal, a bonificación poderá alcanzar un 20% a maiores do xa rebaixado polas empresas.

En vista da boa acollida que tivo en anos anteriores a iniciativa, o Goberno volve incluír novamente nas axudas aos alumnos que cursen ciclos formativos de grao medio que non se impartan en Lalín, co obxectivo de beneficiar ao maior número posible de cidadáns.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín