O MUSEO GALEGO DE MARIONETA RECIBIU NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE FUNCIONAMENTO UN TOTAL DE 2.650 VISITAS, A MAIOR PARTE DELAS CORRESPONDENTES A DISTINTOS EVENTOS E ACTIVIDADES PROMOVIDOS POLO PROPIO MUSEO A TRAVÉS DA PROGRAMACIÓN ESTABLE DE VIRAVOLTA

Museo Galego da Marioneta no Pazo de Liñares
Venres 20 de Marzo de 2015 - A concelleira de Cultura remarca que houbo incluso actividades que tiveron lista de agarda por superación de aforo e fai fincapé en que “os datos confirman que a programación do Museo Galego de Marioneta está a ter unha moi boa acollida” O Museo Galego da Marioneta, único das súas características existentes en Galicia, e localizado no Pazo de Liñares está a permitir a posta en valor deste BIC, no que tamén en breve comezará a funcionar o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), que será un referente no mundo dos castros. Avánzase así na aposta de Liñares como contedor multidisciplinar de primeiro orde de ámbito galego

O Museo Galego de Marioneta que o Concello de Lalín puxo en marcha no Pazo de Liñares da man de Viravolta Títeres recibiu desde a súa apertura, o 13 de decembro de 2014, e ata o día de hoxe, isto é, no primeiro trimestre un total de 2.650 visitas, o que se aproxima ás case 30 visitas diarias. Así o subliña a concelleira de Cultura, María Álvarez, que precisa que que “a maior parte das visitas a este Museo, único das súas características existentes en Galicia, son para visitar os distintos eventos e actividades que Viravolta Títeres ofrece desde a programación estable que ofrece a través dun convenio de colaboración que ten co Concello de Lalín”.

María Álvarez remarca que “concretamente un total de 1.491 visitantes se achegaron a Liñares o fan para participar nas distintas actividades desenvoltas polo Museo Galego de Marioneta; seguido de 675 persoas que corresponderon a visitas ordinarias; mentres que 290 visitantes o fixeron no marco dalgunha excursión organizada. Ademais o Museo Galego de Marioneta foi coñecido por preto de 200 escolares de toda Galicia, no ánimo de achegar este mundo dos títeres aos colexios nunha función didáctico-divulgativa, sinala.

De todas as actividades organizadas polo Museo Galego da Marioneta a exposición “Barriga Verde, de Feira en Feira” foi a que sumou maior número de visitantes, próximo ao un milleiro. A dita mostra, posible grazas á colaboración de AC Morreu o Demo, recrea o mundo das tradicións das feiras dos anos 60 e na que o último dos titiriteiros galegos, Barriga Verde, representaba o seu espectáculo. Abrangue tamén unha selección de exemplares do Centro Internacional de Títeres de Tolosa ou do Museo de Marionetas de Porto. “Barriga Verde, de Feira en Feira” aínda se poderá ver ata o próximo 31 de marzo, de mércores a venres de 17 a 19 horas e sábado e domingo de 10 a 14 e de 17 a 19 horas.

Tras a dita exposición, o día da inauguración do Museo Galego da Marioneta contou coa asistencia dunhas 650 persoas e houbo incluso varias actividades que tiveron con lista de agarda por superación do aforo, fai fincapé María Álvarez que subliña que “os datos confirman que a programación estable do Museo Galego de Marioneta está a ter unha moi boa acollida”.

Asistentes eventos-actividades

  • Inauguración: 650

  • Contacontos: 300 (*inclúense os que non puideron acceder á sala por falta de aforo)

  • Obradoiro “Os tres porquiños”: 70

  • Concerto Resonet (fin de ano): 60

  • Cristina Collazo: 95

  • Día da inauguración exposición “Barriga Verde, de Feira en Feira”: 27. En total visitaron a exposición ata o día de hoxe un total de 928 persoas.

  • Benxa Otero e Carlos Quintá: 180 (*inclúense os que non puideron acceder á sala por falta de aforo)

  • OH Trío: 45

  • Xornada Educación e Teatro: 24

  • Artello Artello: 40

Por procedencia, o 70,5% dos visitantes do Museo Galego da Marioneta neste primeiro trimestre foron de Lalín (1.870), seguidos de persoas chegadas dos distintos puntos da xeografía galega (27,3% e un total de 726 persoas). Tamén houbo visitantes do resto de España, un total de 37 persoas, e 17 estranxeiros. En canto a idades dos visitantes, 721 foron nenos e 1.929 adultos.

O Museo Galego da Marioneta, único das súas características existentes en Galicia, e localizado no Pazo de Liñares está a permitir a posta en valor deste BIC, no que tamén en breve comezará a funcionar o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), que será un referente no mundo dos castros -do que se vén de finalizar o seu equipamento de material-, e co que se avanzará na aposta de Liñares como contedor multidisciplinar de primeiro orde de ámbito galego.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín