O LALÍN ARENA ACOLLE O VINDEIRO SÁBADO O 100 X 100 SOLIDARIO DE NATACIÓN EN BENEFICIO DE O MENCER

O LALÍN ARENA ACOLLE O VINDEIRO SÁBADO O 100 X 100 SOLIDARIO DE NATACIÓN EN BENEFICIO DE O MENCER
Martes 13 de Decembro de 2016 - O reto consiste na realización por parte dos deportistas, que competirán en equipo e por relevos, de 100 series de 100 metros. Cada participante deberá aportar, para formar parte do evento, alimentos non perecedoiros ou outros produtos de primeira necesidade. A proba ten un claro compoñente inclusivo xa que todos os equipos contarán coa presenza de nadadores e nadadoras con algún tipo de discapacidade.

A piscina do Centro Deportivo Municipal Lalín Arena será escenario o vindeiro sábado, día 17 de decembro, a partir das 16.30 horas, do reto 100 x 100 solidario, que servirá para recoller alimentos e outros produtos, que posteriormente lle serán entregados ao colectivo O Mencer. Trátase da segunda edición deste evento deportivo que promove a tenda Ciclo&Co conxuntamente co monitor de natación Ramón Barcala e a colaboración do Concello de Lalín e Gadis. Como principal novidade destaca que este ano a proba, ademais de ter carácter solidario, goza dun claro compoñente inclusivo xa que todos os equipos contarán coa presenza de nadadores e nadadoras con algún tipo de discapacidade, algo que fai posible a implicación de Aspadeza, Morea e Working Wheels. Así mesmo, salienta a participación de dous equipos foráneos: o Club Natación Ribeira e Lamargha Beariz Triatlón.

O reto consiste na realización por parte dos deportistas -que competirán por equipos e en relevos- de 100 series de 100 metros, tratando de involucrar na proba ao maior número de persoas vinculadas ao mundo da natación. Cada participante deberá aportar, para formar parte do evento, alimentos non perecedoiros ou outros produtos de primeira necesidade que serán destinados ao colectivo O Mencer.

Ao finalizar a competición os competidores desfrutarán dun ágape a base de pinchos no Forum Dezae do centro comercial Pontiñas, por cortesía de Ciclo&Co e do hipermercado Gadis.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín