O GOBERNO PROPÓN AMPLIAR Á MAÑÁ DOS SÁBADOS A GRATUIDADE DO PARKING ALDEA GRANDE PARA SEGUIR MELLORANDO A MOBILIDADE E FAVORECENDO O COMERCIO LOCAL

O GOBERNO PROPÓN AMPLIAR Á MAÑÁ DOS SÁBADOS A GRATUIDADE DO PARKING ALDEA GRANDE PARA SEGUIR MELLORANDO A MOBILIDADE E FAVORECENDO O COMERCIO LOCAL
Martes 22 de Xaneiro de 2019 - A proposta do executivo contempla o estacionamento totalmente de balde na franxa horaria que vai entre as 10.00 e as 13.00 horas Dende decembro, os usuarios xa poden estacionar sen custe, de luns a venres, nese mesmo tramo horario pola mañá e entre as 17.00 e as 20.00 polas tardes. O Goberno salienta o éxito da medida aplicada dende decembro, que malia o estacionamento de balde permitiu incrementar a recadación do parking con respecto ao mesmo mes do ano anterior. A medida incide na liña de baixada de impostos impulsada polo Goberno este mandato e garante a cobertura dos intervalos diarios de maior intensidade circulatoria e maior actividade comercial.

O Goberno municipal de Lalín levará ao Pleno ordinario de mes de xaneiro a modificación das ordenanzas fiscais para a ampliación dos treitos de estacionamento gratuíto para os usuarios do aparcadoiro Aldea Grande. Esta medida, que xa se aplica dende o pasado mes de decembro en amplos franxas horarias de luns a venres, incrementarase tamén ás mañás do sábado para seguir fomentando o seu uso, favorecendo un modelo urbano de tráfico ordenado e de prioridade peonil e, ao mesmo tempo, incentivando a actividade do tecido comercial local facilitando o acceso a prazas céntricas de estacionamento.

En concreto, a proposta de gratuídade Goberno local, que tamén incide na liña sostida de baixada de impostos durante este mandato, aplicarase no período que vai dende as 10.00 horas da mañá ata ás 13.00 horas dos sábados. Esta nova franxa gratuíta sumarase ás que xa están en voigor na actualidade: o estacionamento totalmente de balde nas franxas horarias de entre as 10.00 a 13.00 horas e de entre as 17.00 e as 20.00 horas, de luns a venres, excepto festivos. Con esta proposta garántese a cobertura dos intervalos diarios de maior intensidade circulatoria e maior actividade comercial.

O Goberno local indica o gran éxito acadado por esta medida durante a campaña de Nadal, cando foron moitos os veciños que aproveitaron as ventaxas de poder deixar o coche sen pagar no parking nunha das épocas do ano de maior actividade comercial. Boa mostra de que ademais está a resultar moi efectiva para dinamizar estas instalacións e favorecer o seu uso é que, malia a gratuídade, a recadación do parking Aldea Grande incrementouse no pasado mes de decembro con respecto á de decembro do ano pasado. Así, en 2017 os pagos realizados por estacionar ascenderon a 2.058,45 euros, mentres que este ano esa cantidade subíu ata os 2.742,20 euros.

Á marxe das franxas gratuítas, os espazos horarios de pago seguirán conservando os vantaxosos prezos actuais: os primeiros 90 minutos gratuítos, a partir do minuto 91 ata o minuto 150, por cada minuto: 0,01667 euros, e a partir do minuto 151, por cada minuto adicional: 0,00667. A gratuidade total foi desbotada, entre outras cuestións, para evitar que a instalación se converta nun “cemiterio de coches” é dicir, que sexa empregada para gardar vehículos durante longos períodos impedindo a rotación de prazas.

O servizo do aparcadoiro dende que foi adquirido polo Concello concebiuse como un servizo de estacionamento público a baixo prezo para favorecer un modelo urbano de tráfico ordenado e mobilidade con prioridade peonil. Por outra banda, creouse un sistema de alugueiro de prazas que gozou dende a reapertura da instalación dunha importante resposta por parte da cidadanía ideada fundamentalmente para as persoas que teñen necesidade diaria de aparcamento no casco urbano ou que son residentes das rúas máis céntricas como a Principal e a Joaquín Loriga que apenas dispoñen de garaxes privados.

A evolución do uso do aparcadoiro e da súa recadación foi en aumento sostido e continuado, mais aínda non se acadaron as previsións económicas previstas pola modalidade de rotación. Non obstante, si que se alcanzaron as expectativas contempladas para os alugueiros temporais, pois a día de hoxe supéranse os 100 abonados. Por iso, en vista da situación, o Goberno de Lalín decidiu priorizar o servizo de aparcamento rotacional mantendo os prezos “brandos” e poñendo en marcha a gratuidade en determinados tramos horarios co fin fundamental de aumentar o seu uso, incrementar as posibilidades do comercio local e evitar na medida do posible desprazamentos innecesarios en horas puntas na procura de aparcamento, que proporcionarán -ademais- unha redución das emisións contaminantes provocadas polos mesmos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín