O GOBERNO DE LALÍN ATENDE AS DEMANDAS DOS EMPRESARIOS DO POLÍGONO DE BOTOS CO OBXECTO DE DARLLE RESPOSTA A TRAVÉS DUNHA SUBVENCIÓN QUE SE VAI SOLICITAR Á XUNTA

O GOBERNO DE LALÍN ATENDE AS DEMANDAS DOS EMPRESARIOS DO POLÍGONO DE BOTOS CO OBXECTO DE DARLLE RESPOSTA A TRAVÉS DUNHA SUBVENCIÓN QUE SE VAI SOLICITAR Á  XUNTA
Luns 28 de Xaneiro de 2019 - O concello solicitará a achega para mellorar a iluminación e a sinaléctica no seu conxunto, así como para arranxar diferentes treitos de beirarrúa. Francisco Vilariño afirmou que o Goberno busca a través desta orde de achegas recuperar este polígono e convertelo nun lugar atractivo para o asentamento e a chegada de empresas.

Tal e como estaba previsto, o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, reuniuse esta tarde con varios empresarios do Polígono de Botos, co obxectivo de escoitar as súas demandas e suxestións de cara a acometer as tarefas de mellora necesarias coas que avanzar na recuperación do parque empresarial no que desenvolven a súa actividade. A xuntanza, á que tamén acudiu o presidente da AED, Antonio Lamas, serviu para consensuar as mencionadas demandas que serán recollidas nun proxecto que o Concello de Lalín trasladará á Xunta para optar á orde de subvencións que convoca esta administración para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”.

Como explicou Francisco Vilariño, “as actuacións que se reclamarán para o polígono foron pactadas co empresariado nesta xuntanza atendendo ás súas demandas máis importantes”. Deste xeito, o concello solicitará a subvención para o arranxo de varios treitos de beirarrúas, que se atopan en moi mal estado. Tamén se contemplará no proxecto a colocación de nova sinalización vertical e horizontal co obxectivo de darlle visibilidade ás empresas que están instaladas e mellorar a mobilidade do tráfico dentro do polígono. Por outra banda, o proxecto incluirá melloras na iluminación, que de ser posible se executarán aplicando tecnoloxía LED, coa finalidade de corrixir as deficiencias existentes e dotar de luz espazos que carecen dele.

O concelleiro sinalou que o Goberno busca a través desta orde de achegas recuperar este polígono “que se veu moi afectado pola crise e que presenta un claro estado de deterioro con respecto a outras infraestruturas”. O propósito é converter a área industrial “nun lugar atractivo para o asentamento e a chegada de empresas de modo que se posicione como un dos centros de maior actividade de Lalín e, polo tanto, sexa un punto xerador de riqueza, emprego e dinamización socioeconómica no noso concello”, explicpi. Porén, Vilariño fixo fincapé na necesidade de acometer estas obras no recinto empresarial “a través dun proxecto no que comezaremos a traballar mañá mesmo para cumprir cos prazos e que redundaría en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Nesta liña insistiu no “compromiso por parte do Concello de tratar de manter nas mellores condicións un polígono no que traballan moitos veciños e veciñas para facilitar na medida do posible a actividade económica e empresarial no noso municipio”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín