O GOBERNO CUALIFICA DE ÉXITO ROTUNDO A MOBILIZACIÓN GANDEIRA E AGARDA QUE SE TOMASE BOA NOTA DO QUE É UN CLAMOR POPULAR

O GOBERNO CUALIFICA DE ÉXITO ROTUNDO A MOBILIZACIÓN GANDEIRA E AGARDA QUE SE TOMASE BOA NOTA DO QUE É UN CLAMOR POPULAR
Venres 14 de Agosto de 2015 - O Concello pídelle á Xunta que abandone unha estratexia equivocada e ineficaz e que se poña canto antes a liderar as reivindicacións do sector. O Concello reafirma o seu compromiso coas lexítimas demandas dos gandeiros tras o clamor escoitado onte nas rúas de Lalín. O Goberno alégrase de que Crespo se dignase a aparecer por un acto que tachou de algarada e que tratou de boicotear ata o último momento

Todos os cualificativos se quedan curtos para definir o éxito da mobilización gandeira que onte ateigou as rúas de Lalín nunha marcha histórica en defensa do sector lácteo. Tras a demostración de forza e civismo de toda a comarca do Deza, o Goberno municipal considera que “os milleiros de persoas que este mércores saíron á rúa para reclamar o que en xustiza lles pertence veñen de darnos un exemplo de dignidade e unha lección de unidade que debe reafirmar o noso compromiso coas súas lexítimas demandas”.

O Concello de Lalín considera, ademais, que o éxito da manifestación en defensa do sector lácteo debe marcar un antes e un despois para aqueles que están a seguir “unha estratexia claramente equivocada e ineficaz”. Neste sentido o Goberno local esíxelle á Xunta de Galicia que se deixe de “marear a perdiz con reunión baleiras de contido que só serven para visualizar a políticos frustrados que saen moi tocados ante a cidadanía tras o día de onte”.

O Concello manifesta unha vez máis a súa vontade inequívoca de apoio ao sector lácteo e reitera que nunca cualificará de “algaradas” -como fai o Partido Popular- as dignísimas e necesarias reivindicacións dun sector económico e social que é estrutural para esta comarca, un sector ao que algúns intentan silenciar nun exercicio de irresponsabilidade nunca coñecido anteriormente neste concello.

Por outra banda, o Goberno de Lalín non entende a reunión coa conselleira de Medio Rural cando o propio ex alcalde, José Crespo, afirma en privado que Rosa Quintana non ten nin idea do que é este sector. Finalmente, o Concello lamenta que tras xuntanzas con 50 alcaldes do Partido Popular e con cooperativas ideoloxicamente próximas (e non con aquelas máis combativas) se siga sen tomar medidas valentes, como as que se adoptan en defensa do sector en Francia.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín