O GOBERNO APROBA A ADXUDICACIÓN DO PLAN QUE VAI MARCAR O FUTURO DA MOBILIDADE URBANA DEN LALÍN

O GOBERNO APROBA A ADXUDICACIÓN DO PLAN QUE VAI MARCAR O FUTURO DA MOBILIDADE URBANA DEN LALÍN
Luns 5 de Novembro de 2018 - A iniciativa -que contaba cun orzamento de licitación de 26.667 euros procedentes do Plan de Concellos da Deputación- foi adxudicado á empresa Proyestegal S.L por 18.634. Casares lembrou que se trata dun documento estratéxico que permitirá realizar un diagnóstico acertado sobre a mobilidade urbana e establecer propostas concretas para actuar a curto, medio e longo prazo. Para o tenente de alcalde o PMUS, así como iniciativas como o Estudo de Comercio, o Plan de Turismo ou o Lalín Ssuma 21 demostra que o Goberno ten un proxecto de futuro para o concello.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, informa de que o Concello de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación definitiva do contrato para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) de Lalín. Este estudo sentará as bases e proporá medidas concretas para favorecer a mobilidade e accesibilidade das persoas coa maior eficiencia enerxética e o menor impacto ambiental, e da forma máis segura e inclusiva posible. Casares informou de que a iniciativa -que contaba cun orzamento de licitación de 26.667 euros procedentes do Plan de Concellos da Deputación- foi adxudicado á empresa Proyestegal S.L por 18.634. A firma ten agora un prazo de 3 meses para a súa elaboración, polo que de maneira inminente iniciará os traballos da primeira fase deste proxecto.

Casares explicou que o PMUS é un documento estratéxico que vai definir a mobilidade urbana de Lalín e vai permitir realizar un diagnóstico acertado sobre esta cuestión, no que se establecerán propostas concretas para actuar a curto, medio e longo prazo sobres os usos urbanos, as vías de comunicación, as zonas onde o tráfico debe ser calmado, os puntos críticos ou a análise e uso do transporte público e espazos públicos de maneira que aumenten a súa calidade, dándolle prioridade ás persoas e á convivencia por enriba dos vehículos.

Así, fundamentalmente este proxecto permitirá mellorar a mobilidade na vila, definindo propostas pra evitar desprazamentos innecesarios e procurando, polo tanto, un medio ambiente máis limpo debido ao menor consumo enerxético. Tamén permitirá mellorar o uso dos aparcamentos e facilitar a circulación. O plan recollerá as medidas necesarias para reducir a necesidade de mobilidade mediante vehículo privado, favorecendo as condicións que propicien o uso do transporte público e os modos non motorizados. Tamén potenciará os itinerarios peonís e en bicicleta e recollerá medidas para mellorar a seguridade viaria, para reordenar o tráfico ou para determinar un novo modelo de aparcamentos. Sobre esta última cuestión, precisamente, o plan realizará unha valoración do alcance da zona azul e o seu uso futuro, tendo en conta, por exemplo, que o uso de disco está completamente obsoleto e precisa unha renovación.

A elaboración do PMUS será desenvolvida por un equipo multidisciplinar de profesionais con destacada solvencia na materia. O proceso de desenvolvemento do documento incluirá a participación da cindadanía e, unha vez executado, unha fase de exposición pública na que caberá a posibilidade de realizar alegacións, xa que se trata dun traballo que terá consecuencias a longo prazo e marcará algunhas das bases da organización da vila.

González Casares puxo de manifesto que coa posta en marcha deste proxecto, o Goberno municipal demostra, unha vez máis, que ten un modelo de cidade que pasa pola organización e a planificación. Este feito tamén é patente ao activar ao longo do mandato outros plans de longo percorrido como o Estudo de Comercio, o Plan Estratéxico de Turismo ou a estratexia financiada nun 80% con fondos europeos FEDER, Lalín Ssuma 21. Porén -insiste o tenente de alcalde- este é outro documento de futuro que planificará a mobilidade de Lalín con coñecemento, análise científica e base profesional, non como sucedía ata o momento. Finalmente, Casares lembrou que a redacción deste Plan permitirá reforzar o desenvolvemento local e urbano no marco da estratexia, “LalínSsuma21”, que contempla, dentro do seu obxectivo temático 4 (OT4), promover unha economía baixa en carbono a través dun proxecto de mobilidade sostible como un dos indicadores principais do DUSI.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín