O GOBERNO APOSTA POLA GRATUIDADE DO PARKING EN GRANDES TRAMOS HORARIOS PARA MELLORAR A MOBILIDADE E FAVORECER O COMERCIO LOCAL

O GOBERNO APOSTA POLA GRATUIDADE DO PARKING EN GRANDES TRAMOS HORARIOS PARA MELLORAR A MOBILIDADE E FAVORECER O COMERCIO LOCAL
Xoves 27 de Septembro de 2018 - A proposta do executivo contempla o estacionamento totalmente de balde nas franxas horarias de entre as 10.00 e as 13.00 horas e entre as 17.00 e as 20.00, de luns a venres, excepto festivos. Con esta medida garántese a cobertura dos intervalos diarios de maior intensidade circulatoria e maior actividade comercial. Cuíña, Casares e Teresa Varela explican que a iniciativa aumentará o uso da instalación, evitará desprazamentos innecesarios en coche e incrementará as posibilidades do comercio local.

O aparcadoiro público Aldea Grande, tal e como anunciara hai datas o alcalde, será de uso gratuíto diariamente durante amplos tramos horarios. Esta é a firme aposta do Goberno municipal para fomentar o seu uso, favorecer un modelo urbano de tráfico ordenado e de prioridade peonil e, ao tempo, incentivar a actividade do tecido comercial local facilitando o acceso a prazas céntricas de estacionamento. O alcalde, Rafael Cuíña, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a concelleira de Facenda, Teresa Varela, anunciaron esta mañá que a modificación da ordenanza fiscal do parking Aldea Grande relativa á mencionada gratuidade de determinados treitos horarios será levada ao vindeiro Pleno para a súa aprobación definitiva. Concretamente, a proposta do Concello contempla o estacionamento totalmente de balde nas franxas horarias de entre as 10.00 a 13.00 horas e de entre as 17.00 e as 20.00 horas, de luns a venres, excepto festivos. Con esta proposta garántese a cobertura dos intervalos diarios de maior intensidade circulatoria e maior actividade comercial. Os espazos horarios de pago seguirán conservando os vantaxosos prezos actuais: os primeiros 90 minutos gratuítos, a partir do minuto 91 ata o minuto 150, por cada minuto: 0,01667 euros, e a partir do minuto 151, por cada minuto adicional: 0,00667. A gratuidade total foi desbotada, entre outras cuestións, para evitar que a instalación se converta nun “cemiterio de coches” é dicir, que sexa empregada para gardar vehículos durante longos períodos impedindo a rotación de prazas.

O servizo do aparcadoiro dende que foi adquirido polo Concello concebiuse como un servizo de estacionamento público a baixo prezo para favorecer un modelo urbano de tráfico ordenado e mobilidade con prioridade peonil. Por outra banda, creouse un sistema de alugueiro de prazas que gozou dende a reapertura da instalación dunha importante resposta por parte da cidadanía ideada fundamentalmente para as persoas que teñen necesidade diaria de aparcamento no casco urbano ou que son residentes das rúas máis céntricas como a Principal e a Joaquín Loriga que apenas dispoñen de garaxes privados.

A evolución do uso do aparcadoiro e da súa recadación foi en aumento sostido e continuado, mais aínda non se acadaron as previsións económicas previstas pola modalidade de rotación. Non obstante, si que se alcanzaron as expectativas contempladas para os alugueiros temporais, pois a día de hoxe supéranse os 100 abonados. Por iso, en vista da situación, o Goberno de Lalín decide a través desta iniciativa priorizar o servizo de aparcamento rotacional mantendo os prezos “brandos” e poñendo en marcha a gratuidade en determinados tramos horarios co fin fundamental de aumentar o seu uso, incrementar as posibilidades do comercio local e evitar na medida do posible desprazamentos innecesarios en horas puntas na procura de aparcamento, que proporcionarán -ademais- unha redución das emisións contaminantes provocadas polos mesmos.

O Goberno é consciente de que esta medida levará consigo unha rebaixa das previsións de recadación do aparcamento que, non obstante, non serían inasumibles, tal e como se estima nos cálculos dos técnicos municipais. Ademais, como se informa dende o Concello, é esperable que estas previsións se vexan melloradas no futuro debido ao fomento do hábito de uso do aparcadoiro, a comodidade de acceso e as amplas vantaxes sociais e de mobilidade que proporciona, o que paliaría o descenso de ingresos e producirá outro tipo de beneficios na cidadanía e no tecido do comercio minorista local.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín