O CONCELLO TRASLADA O “SKATE PARK” Á PRAZA ALDEA GRANDE PARA FACILITAR O SEU USO POR PARTE DOS MOZOS E MOZAS

O CONCELLO TRASLADA O “SKATE PARK” Á PRAZA ALDEA GRANDE PARA FACILITAR O SEU USO POR PARTE DOS MOZOS E MOZAS
Xoves 7 de Febreiro de 2019 - Casares e Celia Alonso sosteñen que a ubicación no centro da vila desta pista, xunto coa creación no mesmo punto dun módulo de parkour e as outras instalacións de xogo transformarán esta superficie nun punto de encontro e diversión saudable para os máis novos e daranlle vida á zona. A actuación vén de ser contratada a unha empresa lalinense por 1.573 euros, é constitúe unha mostra máis da aposta do Goberno municipal por dotar dun maior aproveitamento a un dos máis grandes espazos públicos do centro de Lalín, anteriormente infrautilizado.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, anunciaron hoxe que o Concello de Lalín vai trasladar o skate park situado dende hai anos na zona do Paseo do Pontiñas próxima á saída da N-640 cara Lugo ao centro da vila. Concretamente, como informaron os concelleiros, vaise reubicar na Praza Aldea Grande grazas á posibilidade que ofrece a mobilidade dos elementos polos que está composto. Casares e Alonso sinalaron que a iniciativa responde á demanda dos mozos e mozas de Lalín, que se queixaban de que ao estar situado este parque na periferia do casco urbano non se lle podía dar o uso desexado, de maneira solicitaban o seu traslado a un punto máis céntrico.

Así, esta actuación que vén de ser contratada a unha empresa lalinense por 1.573 euros, é unha mostra máis da aposta do Goberno municipal por dotar dun maior aproveitamento a un dos máis grandes e anteriormente menos utilizados espazos públicos do centro de Lalín, onde o Concello xa construíu un parque infantil e unha cancha multideporte de céspede artificial que están tendo un uso moi importante. Coa colocación nesta mesma superficie do skate park -apuntaron González Casares e Celia Alonso- transformaremos definitivamente a praza sobre o parking Aldea Grande, totalmente céntrica, nun punto de encontro e diversión saudable para os máis novos deixando lonxe os anos nos que estes espazos estaban abandonados e sen ningunha vida.

Os concelleiros lembraron, ademais, que actualmente se está instalando nesta mesma zona un módulo con elementos para a práctica do parkour, outra modalidade deportiva en alza entre a mocidade e que en conxunto co parque de skate conformará en Lalín unha auténtica área de cultura e deporte urbano da que poderán desfrutar os rapaces e rapazas lalinenses que cada vez máis, practican estas actividades. Así mesmo, os edís informaron de que se está falando cos grafiteiros e grafiterias de Lalín para que creen nos muros da parte superior do aparcadoiro Aldea Grande murais pintados de xeito pactado co Concello, de modo que ademais de ofrecerlle unha alternativa aos mozos e mozos onde practicar o grafiti, decoraremos con murais os muros deste espazo embelecendo a praza e converténdoa nun espazo máis atractivo esteticamente.

O parque de monopatíns foi instalado no ano 2010 polo anterior goberno na zona do Paseo do Pontiñas próxima ao Auditorio Municipal sen que tivese nunca moito uso debido á súa ubicación afastada do centro. Co traslado á praza Aldea Grande esta pista poderá ser utilizada con máis facilidade polos mozos e mozas que comparten afección e contribuirá a darlle vida a este espazo coa creación dunha zona multiparque no mesmo centro da vila.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín