O CONCELLO SACA A CONCURSO A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A EXECUCIÓN E DEFINICIÓN DO CINTO VERDE DE LALÍN

O CONCELLO SACA A CONCURSO A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A EXECUCIÓN E DEFINICIÓN DO CINTO VERDE DE LALÍN
Mércores 14 de Novembro de 2018 - Definirá as actuacións necesarias para crear o Cinto Verde baseándose nun anteproxecto previo xa realizado polo Concello de Lalín, que inclúe actuacións en 9 puntos urbanos e periurbanos. González Casares lembrou que a iniciativa actuará sobre camiños xa existentes e espazos xa interrelacionados, sen ampliacións e con traballos imprescindibles sobre o terreo para garantir a mobilidade peonil de quen circule por estes trazados. O obxectivo do Cinto Verde é o de mellorar as conexións periurbanas e urbanas tendo como eixo central o Pontiñas, así como facilitar a mobilidade sostible e saudable.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín aprobou sacar a concurso público a contratación da redacción do proxecto de execución e definición dos diferentes tramos do denominado Cinto Verde de Lalín, así como a dirección facultativa desta obra. Esta iniciativa conta cun importante orzamento dentro da estratexia Lalín Ssuma 21 financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa operativo 2014-2020, que alcanzará os 770.000 euros de investimento, dos que 45.792 se destinará á redacción do proxecto técnico e á dirección de obra. Unha vez adxudicado, a empresa terá un prazo de 2 meses para confeccionar o documento.

O proxecto definirá as actuacións necesarias para crear o Cinto Verde baseándose nun anteproxecto previo xa realizado polo Concello de Lalín. Concretamente, o documento definirá os tramos , 1 (Lalín Arena), 2 (Camiño do muíño), 3 (Camiño da Costa), 4 (Filgueiroa), 5 (Carballeira da Crespa), 8 (Monte da Pena), 10 (Rúa Regueiriño), 11 (zona de descanso) e 12 (sinalización do Pontiñas). A empresa adxudicataria dos traballos deberá elaborar un estudo topográfico dos tramos propostos no anteproxecto, así como a verificación das pendentes, lonxitudes e anchos de cada treito, afeccións etc. Nesta liña, o estudo previo do Concello xa documenta o estado actual e o tipo de camiño en cada caso, identificando en cada tramo o obxecto de estudo e as actuacións a levar a cabo para a súa mellora segundo as diferentes tipoloxías, de acordo co proposto polo Concello. Así, diferenciaranse os treitos que precisas sinalización, os asfaltados que requiren un novo trazado peonil, os de acabado en terra que necesitan unha mellora e os tramos que necesitan un aumento de sección. Doutra banda, a dirección facultativa da obra comprenderá a figura do director de obra e do coordinador de seguridade e saúde coas funcións asignadas na lexislación vixente para a execución dunha obra pública.

González Casares lembrou que o Cinto Verde permitirá que edificios públicos como o Lalín Arena, o auditorio e os centros educativos teñan unha masa verde preto e estean conectados á hora de moverse a pé. O obxectivo -engade- é crear novos itinerarios para dotar de novas posibilidades para camiñar veciños e visitantes aproveitando camiños públicos e zonas públicas. Dentro da iniciativa destacan dúas actuacións que se consideran prioritarias. Trátase, por un lado, da programada para o Regueiriño, na zona próxima ás canchas deportivas, onde se ampliarán as franxas verdes eliminando un dos carrís de circulación para “acercar o paseo de Pontiñas a Lalín”. Por outra banda, tamén destaca a actuación proposta para a zona superior do Pontiñas, onde se habilitarán novos camiños no antigo embalse do Pontillón que incluso poderían contemplar a instalación de zonas de descanso con gradas. En calquera caso, Casares explica que o Cinto Verde se creará sobre camiños xa existentes e espazos xa interrelacionados, sen ampliacións e con actuacións mínimas e imprescindibles sobre o terreo para garantir a mobilidade peonil de quen circule por estes trazados.

Por último, o tenente de alcalde fixo fincapé en que o obxectivo da iniciativa é o de mellorar as conexións periurbanas e urbanas tendo como eixo central o Pontiñas, así como facilitar a mobilidade sostible e saudable para o cidadán, evitando desprazamentos innecesarios en coche.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín