O CONCELLO SACA A CONCURSO PÚBLICO O PROXECTO DE REFORMA DA PRAZA DA VILA QUE REVITALIZARÁ E TRANSFORMARÁ POR COMPLETO ESTE CÉNTRICO ESPAZO EN BENEFICO DOS VECIÑOS E VECIÑAS

O CONCELLO SACA A CONCURSO PÚBLICO O PROXECTO DE REFORMA DA PRAZA DA VILA QUE REVITALIZARÁ E TRANSFORMARÁ POR COMPLETO ESTE CÉNTRICO ESPAZO EN BENEFICO DOS VECIÑOS E VECIÑAS
Luns 18 de Marzo de 2019 - Trátase dunha intervención moi ambiciosa que conta cun orzamento de licitación de 319.998,80 euros e que estará finalizada no mes de setembro. Entre os criterios de adxudicación avaliables como melloras inclúese a incorporación ao proxecto dun sistema de control intelixente da iluminación a través da plataforma Smart City Lalín ou o mantemento durante 12 meses da zona de xogos. Os xogos do parque van ser un punto fundamental do proxecto, con zonas para diferentes grupos de idade e con deseño único e novidoso, feito ex profeso para este espazo.

A concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, informa de que o Concello de Lalín vén de sacar a concurso público as actuacións de reforma da Praza da Vila, un proxecto que permitirá poñer en valor de maneira moi importante un dos espazos urbanos neurálxicos e máis concorridos de Lalín, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional para toda a veciñanza. Trátase dunha intervención moi ambiciosa que transformará e mellorará por completo esta céntrica área e que conta cun orzamento de licitación de 319.998,80 euros. As empresas teñen un prazo de 20 días -contados dende hoxe- para presentar as súas ofertas. Deste modo, como adianta a concelleira, o obxectivo é que o proxecto, tras superar os diferentes trámites administrativos do proceso de contratación, se adxudique no mes de maio e se execute durante o verán para poder estrear o novo parque no mes de setembro.

Os pregos da licitación inclúen entre os criterios de adxudicación avaliables como melloras diversos puntos a ter en conta. Entre eles establécese a redución do prezo sinalado como máximo no prego. Tamén se terá en conta favorablemente a incorporación ao proxecto dun sistema de control intelixente da iluminación da praza adaptado e controlable a través da plataforma Smart City Lalín que se puxo en marcha a través da estratexia financiada con fondos europeos Lalín Ssuma 21 e que deste xeito relaciona ambos proxectos. Así mesmo, valorarase positivamente a substitución a conta da empresa de todas as luminarias e o mantemento da área de xogos dende a recepción do obra ata un máximo de 12 meses ou a ampliación do prazo de garantía.

O Goberno municipal fai fincapé no feito de que con esta intervención se mellorará por completo a calidade do espazo urbano da Praza da Vila para os veciños, co acondicionamento e integración das zonas separadas nun único espazo. A reforma tamén significará a revitalización e o rexuvenecemento urbano en beneficio e proveito dos veciños de Lalín, en especial de nenas e nenos coa creación de novos xogos, con deseño exclusivo e adaptado ao entorno, para diferentes grupos de idades. Con este obxectivo, faise unha proposta que solventa o desnivel existente entre a zona máis alta e máis baixa da mesma, xerando un percorrido que guía ao usuario e que a fai moito máis accesible e cómoda para os cidadáns. Para materializar isto vanse realizar unha serie de bancais, xerando plataformas a distintas cotas. Por outra banda, para marcar límites e delimitar espazos, empregaranse diferentes solucións de pavimento. Os xogos do parque van ser en todo caso un punto fundamental do proxecto, con zonas para diferentes grupos de idade e con deseño único e novidoso, feito ex profeso para este espazo.

En calquera caso, e para diminuír o risco de impacto por alteración de elementos e relacións que xa forman parte da memoria colectiva, procederase á reciclaxe urbana de diferentes elementos. É o caso da fonte de xogos de auga, cuxos vasos se van aproveitar para convertelos nun montículo para a zona de xogo. Desta maneira, a fonte converterase nun elemento diferenciador, integrado no terreo, e que tamén servirá para xogar, pero conservando os elementos característicos do seu perímetro. Esta primeira fase, que comprende á zona máis próxima á Igrexa, incluirá a instalación de zonas de xogo cilíndrico e redes, areeiro, tobogáns, trampolín, túneles, medias olivas, semiesferas de caucho, pasos elevados, xogo trepa ou anel inclinado, entre outros.

Nunha fase posterior tamén se reciclará o palco da música, ao tempo que se reubican as esculturas e o monolito conmemorativo no lugar de maior visibilidade. No que respecta ás árbores, e sempre contando coas proteccións necesarias, formarán parte dos xogos infantís, que se deseñaron de maneira única para este lugar.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín