O CONCELLO RENOVA O CONVENIO COA FUNDACIÓN GALICIA VERDE QUE DÁ CONTINUIDADE POR DOUS ANOS MÁIS Á HORTA COMUNITARIA DA CORREDOIRA

O CONCELLO RENOVA O CONVENIO COA FUNDACIÓN GALICIA VERDE QUE DÁ CONTINUIDADE POR DOUS ANOS MÁIS Á HORTA COMUNITARIA DA CORREDOIRA
Luns 18 de Marzo de 2019 - A iniciativa tivo unha magnífica acollida e permitiu transformar unha escombreira sen uso nunha zona útil, produtiva, fermosa, que fomentou as relacións veciñais e que despertou o interese e a afección polos cultivos. Celia Alonso avanzou que se está a traballar na busca doutras zonas de titularidade municipal no casco urbano nas que poñer en marcha novas hortas comunitarias.

O Concello de Lalín e a Fundación Galicia Verde renovaron esta mañá o convenio que prorroga por dous anos con posibilidade de novas prórrogas a cesión gratuíta do uso da parcela municipal na que se asenta a horta comunitaria ecolóxica posta en marcha polo Concello de 2016. No acto estiveron presentes o alcalde, Rafael Cuíña, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, mentres que por parte da Fundación Galicia Verde, asistiron o seu presidente, Enrique Banet e a coordinadora e monitora do proxecto, Cristina Barreiro. Coa sinatura deste documento o Concello oficializou a prórroga da cesión gratuíta do uso da parcela ubicada na rúa do Río, fronte ao Centro Comercial Pontiñas, que ten unha superficie de 1.466 metros cadrados, permitindo a continuidade da horta comunitaria.

O alcalde e a concelleira de Medio Ambiente expresaron a súa satisfacción por renovar un convenio que permite seguir adiante cunha iniciativa que dende o primeiro momento tivo unha magnífica acollida e que actualmente empregan 8 familias da zona. Nesta liña, Celia Alonso destacou que, a pesar do que inicialmente presaxiaban algúns membros do PP que expresaron no seu momento que unha iniciativa deste tipo non funcionaría en Lalín, o certo é que o paso do tempo lle deu a razón ao Goberno e a horta de Lalín é unha auténtica referencia como reflicte o seu altísimo uso e o feito de que outros concellos contacten con nós para pedirnos información sobre este modelo. A edil fixo fincapé en que esta aposta -que foi unha das primeiras lanzadas dende a área de Medio Ambiente a comezo de mandato- permitiu transformar unha antiga escombreira sen uso nunha zona útil, produtiva, fermosa que fomentou ademais as relacións veciñais e que despertou o interese e a afección polos cultivos en moitos veciños e veciñas que se converteron en auténticos especialistas e que intercambian coñecementos entre eles e van mellorando as plantacións.

Ante a extraordinaria acollida da primeira horta comunitaria municipal e a alta demanda que hai por parte de veciños e veciñas para participar nesta iniciativa, a concelleira xa avanzou que se está a traballar na busca doutras zonas de titularidade municipal no casco urbano nas que poñer en marcha novas hortas comunitarias. Alonso aproveitou para agradecer aos veciños e veciñas que empregan o terreo da Corredoira o bo uso que están facendo nesta área a anímaos a continuar nesta liña.

A horta comunitaria ecolóxica concíbese como un espazo natural aberto ao uso das veciñas e veciños para realizar tarefas de plantación e cultivo ecolóxico. A través destes proxectos preténdese tamén dar a coñecer e vivir a natureza, ao tempo que se fomenta a cohesión social, a educación e a participación cidadá e se fortalecen valores como o respecto, a convivencia e o ecoloxismo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín