O CONCELLO RECIBE A URBANIZACIÓN DA AR-MP12 PROMOVIDA POLA FIRMA PORTAS Y ACUÑA

O CONCELLO RECIBE A URBANIZACIÓN DA AR-MP12 PROMOVIDA POLA FIRMA PORTAS Y ACUÑA
Martes 20 de Novembro de 2018 - O proxecto de urbanización da ARMP-12 afectou a unha área de 38.892 metros cadrados e nos que se acometeu a reurbanización completa dunha franxa de viario público lindeiro coa zona de Porto do Alle, de 729 metros cadrados. Coa recepción das obras, consolídase a situación da fábrica nesta localización e dótase esa zona da parroquia de Filgueira dos servizos adecuados.

Esta mañá tivo lugar o trámite de recepción definitiva das obras de urbanización da denominada Área de Reparto MP-12. O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, participou neste trámite que pon fin a un proxecto urbanístico cun longuísimo período de tramitación e execución. Coa recepción das obras por parte do Concello determínase a responsabilidade da administración na conservación e mantemento das obras de urbanización, así como a súa posta en servizo.

O proxecto de urbanización da AR-MP12, de iniciativa particular, foi promovido pola firma Portas y Acuña Inmobiliaria S.L e naceu tras a firma dun convenio urbanístico asinado en 2008, sucedéndose despois longos e engorrosos trámites ata a súa finalización. Tras a firma do convenio (2008) e a tramitación da modificación puntual do PXOM (2009) o proxecto foi aprobado de maneira inicial en 2010 e definitiva en 2011. No 2012 preséntase o denominado proxecto de urbanización e no 2013 queda aprobada a proposta de equidistribución. En marzo de 2015 procedeuse á corrección de erros por parte de técnicos promotores, rexistrándose un novo proxecto refundido de urbanización en decembro de 2015 no que se solventaban as deficiencias iniciais. En xuño de 2016 apróbase o novo proxecto refundido e inícianse posteriormente as actuacións, que se certifican un ano despois. En xullo de 2018 recíbese no Concello a notificación de recepción que, tras solucionarse a entrega de documentación tivo lugar esta mañá, nun trámite polo que a promotora fixo entrega definitiva das obras executadas.

O proxecto de urbanización da ARMP-12 afectou a unha área de 38.892 metros cadrados e nos que se acometeu a reurbanización completa dunha franxa de viario público lindeiro coa zona de Porto do Alle, de 729 metros cadrados. As obras desenvolvéronse en dúas etapas, a primeira cun prazo de execución de 3 meses e a segunda de 9, sendo o seu orzamento total de 393.511 euros.

A Área de Reparto MP-12 foi proxectada para urbanizar a zona da parroquia de Filgueira na que se atopa a nave industrial da empresa Iberiaglass. Como apuntou o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, “coa recepción das obras, consolídase a situación da fábrica nesta localización, o que favorece que unha das industrias punteiras de Lalín continúe na nosa vila e que os seus postos de traballo no corran perigo, sendo este un dos principais obxectivos do proxecto”. “Ademais” -engade- “o proxecto permitiu dotar esa zona da parroquia dos servizos adecuados”.

Casares remarcou que con este último trámite “se remata un proxecto que leva un longuísimo período de tramitación e execución, dando por finalizado”, continúa, “un dos grandes asuntos pendentes en materia de Urbanismo".

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín