O CONCELLO RECIBE 158 SOLICITUDES DE BONIFICACIÓNS PARA O TRANSPORTE DE ESTUDANTES

Luns 19 de Septembro de 2016 - A modalidade máis solicitada foi a de ensinanza universitaria semanal, onde se alcanzaron 115 peticións. Os bonos xa están dispoñibles para recoller no concello.

Tras finalizar o prazo de presentación de solicitudes para optar ás bonificacións para o transporte de estudantes, recibíronse no concello un total de 158 demandas, tal e como vén de explicar o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares. Destas, 5 foron denegadas por diversos motivos, obtendo as restantes algún tipo de bonificación. Como sucedeu o ano pasado, a modalidade máis solicitada foi a de ensinanza universitaria semanal, onde se alcanzaron 115 peticións por 106 recibidas no 2015. A modalidade universitaria diaria tivo 13, 7 menos que o anterior curso, mentres que para ciclos formativos recibíronse 25 demandas, fronte as 34 do ano pasado, das que 21 foron para a modalidade semanal e 4 para a diaria. Destacar neste aspecto que o Goberno de Lalín introduciu por primeira vez no curso 2015/2016 nestas axudas aos alumnos de ciclos formativos de grao medio, co obxectivo de beneficiar ao maior número de cidadáns posible. Ata entón só se beneficiaban destas bonificacións estudantes universitarios e de graos superiores.

Ao abeiro dos convenios que o Concello xestiona con dúas empresas de transporte, todos os beneficiarios recibirán unha bonificación xeral do 35% sobre o custo ordinario do prezo do billete en todas as modalidades. Non obstante e, tras valorarse cada situación, serán preto de 60 os estudantes con dereito a novos tipos de subvención, a través dos que na modalidade diaria poderán chegar a alcanzar unha rebaixa de ata o 75% no prezo do pase, mentres que na modalidade semanal, a bonificación poderá alcanzar un 20% a maiores do xa rebaixado polas empresas.

Con moita diferenza, Santiago de Compostela é o destino máis solicitado polos estudantes lalinenses, aglutinando en torno ao 55% das solicitudes. Esta cidade é seguida de Vigo, onde estudarán 17 bonificados. As cidade de A Coruña e Ourense serán o destino de 10 alumnos con axuda no transporte en cada caso, mentres que 3 solicitaron rebaixa para viaxar a Lugo e outros 3 para viaxar a Pontevedra. Os bonos xa están dispoñibles para recoller no concello de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín