O CONCELLO PROXECTA A HUMANIZACIÓN DA RÚA CALZADA CUN INVESTIMENTO QUE SOBREPASA O 145 MIL EUROS

O CONCELLO PROXECTA A HUMANIZACIÓN DA RÚA CALZADA CUN INVESTIMENTO QUE SOBREPASA O 145 MIL EUROS
Luns 18 de Marzo de 2019 - Permitirá mellorar de maneira integral esta vía acometendo tanto a reconstrución das beirarrúas de ambas marxes, como a reposición do firme da calzada e a mellora dos sumidoiros, os servizo e os sistemas de abastecemento. Francisco Vilariño puxo de manifesto que a intervención responde ao compromiso e á firme aposta do Goberno municipal por mellorar as rúas céntricas e lembrou que nesta materia o Concello está realizando un esforzo sen precedentes grazas ao que se vai mellorar completamente a imaxe de Lalín. O proxecto contempla o ancheamento das beirarrúas para incrementar as condicións de mobiblidade peonil e de accesibilidade.

O Concello de Lalín continúa traballando en ambiciosos proxectos a través dos que mellorar a imaxe do casco urbano e, ao mesmo tempo, incrementar as condicións de accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade urbana, aumentando, en definitiva, a calidade de vida dos lalinenses. Dentro destes obxectivos, o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe unha nova actuación que neste caso afectará á rúa Calzada, onde se acometerá un investimento de 145.377,48 euros para mellorar de maneira integral esta vía acometendo tanto a reconstrución das beirarrúas de ambas marxes, como a reposición do firme da calzada e a mellora dos sumidoiros, os servizo e os sistemas de abastecemento.

Francisco Vilariño, que visitou esta mañá a mencionada rúa acompañado do director de obra, Carlos Durán, indicou que esta actuación foi moi solicitada polos veciños e veciñas, polo que a súa execución servirá para dar resposta a unha vella demanda veciñal ao tempo que a remodelación dará paso a unha rúa moito máis atractiva e cos servizos mellorados. Ao mesmo tempo, o titular de Obras puxo de manifesto que a intervención responde ao compromiso e á firme aposta do Goberno municipal por mellorar as rúas céntricas e cunha alta densidade poboacional, así como con alta actividade comercial. Porén, o edil lembrou que nesta materia o Concello está realizando un esforzo sen precedentes en Lalín grazas ao que se vai transformar o centro da vila mellorando completamente a súa imaxe e facendo os espazos urbanos máis atractivos, de maneira que se beneficie a veciños e comerciantes e, ao mesmo tempo se incrementan as condicións de accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria. Este proxecto complementa os xa postos en marcha nas rúas Pintor Colmeiro, Xesteira, Vidal Abascal e Calvo Garra, así como para o acondicionamento integral das rúas Alcalde Ferreiro, Memorias dun Neno Labrego e Monte Faro. A actuación sairá a licitación nas próximas semanas.

A rúa calzada conta cunha lonxitude de 150 metros e un ancho de 12. Dispón dun carril para a circulación nun só sentido así como de dúas zonas laterais de estacionamento. As beirarrúas son estreitas e están na súa maior parte en mal estado de conservación, con plaquetas rotas e afundidas. Do mesmo xeito o firme da estrada presenta importantes carencias e diferencias de continuidade que é preciso solucionar. Así, as actuacións a realizar comprenderán o levantado das actuais beirarrúas e a posterior colocación de novas lousas rectangulares e do bordo de formigón. O proxecto contempla o seu ancheamento para mellorar as condicións de mobiblidade peonil e de accesibilidade, dando paso a beirarrúas de 3 metros de ancho e deixando unha soa marxe de estacionamento de 2,5 metros e un carril de circulación de 3. Por outra banda repararase por completo o firme de aglomerado previa retirada dunha capa de 5 centímetros do existente para evitar que a rúa gañe espesor. Finalmente e, ao tratarse dunha actuación de carácter integral, o proxecto inclúe a mellora dos colectores de saneamento de pluviais e dos sumidoiros, así como das redes de eléctricas e dos sistemas de telecomunicacións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín