O concelleiro de Gandería, Xosé Manuel Hermida, anunciou que o Concello contratou dous autocares que se poñerán a disposición de todos e todas as lalinenses que queiran acudir á manifestación de mañá en favor do sector lácteo que terá lugar en Santiago de Compostela. Os buses partirán dende a estación de autobuses de Lalín e dende a cooperativa leiteira Campodeza, en Gresande. Ambos sairán ás 10.30 horas, para chegar ao recinto feiral de Salgueiriños, en Compostela, a partir das 11.30, instantes anteriores ao comezo da mobilización.
O Concello de Lalín, membro da recentemente creada Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, continua, deste xeito, implicándose profundamente na loita gandeira por uns prezos dignos para o leite. O concelleiro de Gandería fai un chamamento á participación de toda a cidadanía na manifestación. Hermida recorda que a crise do sector lácteo non afecta unicamente aos gandeiros, senón que prexudica indirectamente a gran parte da poboación, por verse afectado un dos eixos económicos principais de Galicia.
Outro bus partirá dende a cooperativa Cobideza, en Cercio, tamén ás 10.30, neste caso contratado a través das organizacións cooperativistas.