O CONCELLO PINTARÁ DE CORES AS ESCALEIRAS DO PARQUE DO AUDITORIO PARA EMBELECER A ZONA

O CONCELLO PINTARÁ DE CORES AS ESCALEIRAS DO PARQUE DO AUDITORIO PARA EMBELECER A ZONA
Xoves 13 de Septembro de 2018 - O edil de Turismo salienta que a iniciativa permitirá converter este espazo urbano nun fermoso lenzo de cores que sirva como novo reclamo de Lalín. Francisco Vilariño indica que a proposta serve para seguir avanzando no obxectivo de converter Lalín nun lugar máis atractivo, alegre e acolledor para veciños e visitantes.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello proxecta pintar de diferentes cores cada un dos banzos que conforman as escaleiras que se emprazan no parque do Auditorio Municipal, entre o Pavillón deportivo, as piscinas e o instituto Aller Ulloa. Vilariño explica que se trata dunha nova iniciativa dentro das que se están a realizar nos últimos meses para embelecer Lalín e facer da vila un lugar máis atractivo, dinámico e alegre tanto para veciños como para visitantes.

A idea”, explica o concelleiro de Turismo, “é converter este espazo urbano, de maneira sinxela e orixinal, nun fermoso lenzo de cores que permita superar o seu uso funcional e cotiá como lugar de paso para que sexa tamén un novo reclamo da nosa vila”. Neste sentido, o edil lembra a “excelente acollida que está a ter o ceo de paraugas da rúa Colón, unha proposta que está a ser un éxito e que, agora noutra modalidade diferente pero igual de chamativa e fermosa, se trasladará a esta zona”.

Para Vilariño, a proposta, que se desenvolverá nas vindeiras semanas, non só pasará a formar parte dos numerosos atractivos turísticos cos que conta Lalín, senón que tamén permitirá recuperar e poñer en valor unha zona moi transitada, pero probablemente descoñecida para moitos. “Abonda lembrar”, incide o concelleiro, “que nas inmediacións desas escaleiras ubícanse instalacións deportivas, educativas e de espacermento, ademais de ser unha das canles de conexión do centro da vila co parque do Auditorio e o paseo do Pontiñas”. En calquera caso, prosegue o edil, “estamos convencidos de que, coa activación desta medida tan importante dende o punto de vista estético, a partir de agora serán moitas máis as persoas que se acheguen a este espazo”.

Con esta filosofía, o concelleiro de Turismo anuncia que, o orixinal pintado destas escaleiras, non será o único que se leve a cabo nas vindeiras semanas, xa que “xa estamos a traballar para trasladar este modelo a outros puntos da vila para facela aínda máis acolledora e fermosa”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín