O CONCELLO MELLORA A SEGURIDADE VIARIA NA RÚA PENATOARES COA INSTALACIÓN DUNHA VARANDA DE SEGURIDADE PARA A PROTECCIÓN DO PEÓN

O CONCELLO MELLORA A SEGURIDADE VIARIA NA RÚA PENATOARES COA INSTALACIÓN DUNHA VARANDA DE SEGURIDADE PARA A PROTECCIÓN DO PEÓN
Martes 18 de Decembro de 2018 - González Casares supervisou esta mañá a actuación, que obrigará aos viandantes a cruzar obrigatoriamente polo paso de peóns. O tenente de alcalde lembra que se trata dunha iniciativa que solicitou a ANPA do Sagrado Corazón.

O Concello de Lalín acometeu hoxe unha nova actuación en aras de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil. Nesta ocasión a intervención tivo o obxectivo de incrementar as condicións de seguridade dunha zona escolar especialmente concorrida como é a rúa Penatoares, onde se ubica o colexio Sagrado Corazón, a Casa da Xuventude, o pavillón e moi próximo a outros centros educativos. Así, a medida consistiu na colocación na beirarrúa que discorre na marxe dereita en sentido descendente cara o colexio Sagrado Corazón dunha varanda de protección do peón de aceiro e de 41 metros de lonxitude. Como explicou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que esta mañá supervisou as obras que desenvolve a empresa lalinense Metalbo, a colocación desta varanda obrigará aos transeuntes a cruzar unicamente polos pasos de peóns evitando cruzamentos indebidos e perigosos.

Nicolás González Casares remarcou que esta actuación -executada con cargo a unha partida do Plan de Concellos da Deputación e cun orzamento de 7.500 euros- se leva a cabo a petición da comunidade educativa. O Concelleiro lembra que a colocación dunha varanda de seguridade foi unha das demandas que realizou a ANPA do Sagrado Corazón en reunións celebradas semanas atrás e á que, desta maneira, o Concello de Lalín dá cumprida resposta. O colectivo de pais e nais tamén solicitou que unha vez colocada a varanda se prohibise o estacionamento nesta marxe en horario de entrada e saída de alumnadi, motivo polo que nos próximos días se pintará nesta beirarrúa a correspondente liña amarela. Estas medidas tamén impedirán que os vehículos aparquen sobre a beirarrúa deteriorando o mobiliario e poñendo en perigo os nenos e nenas do centro colexio.

Nicolás González Casares lembra que o Concello de Lalín traballa dende hai tempo en diferentes proxectos a poñer en marcha en varios puntos da localidade -especialmente en zonas escolares- para mellorar a seguridade peonil. Dentro destas actuacións, xa se acometeu a colocación de varandas de seguridade diante das portas de saída dos colexios ou a instalación de lombos de burro para reducir a velocidade nestas zonas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín