O CONCELLO LEVA A MÚSICA DAS CORAIS AO RURAL MEDIANTE UN CICLO DE CONCERTOS QUE SE DESENVOLVERÁ EN 6 PARROQUIAS

O CONCELLO LEVA A MÚSICA DAS CORAIS AO RURAL MEDIANTE UN CICLO DE CONCERTOS QUE SE DESENVOLVERÁ EN 6 PARROQUIAS
Luns 18 de Marzo de 2019 - Comezará mañá en Muimenta e continuará os días 31 de marzo, o 7 de abril e o 27 de abril en Zobra, Vilatuxe, A Xesta e Cercio. Tamén haberá unha actuación en Barcia con data aínda por concretar. O obxectivo desta iniciativa, na que participan as Corais de Botos e de Lalín, é achegar a música e a cultura a todas as partes do concello.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de anunciar a posta en marcha dun ciclo de actividades no rural, que levará as actuacións das corais de Botos e de Lalín a 6 parroquias do municipio. Este proxecto, que se pon en marcha en colaboración coa concellería de Rural, enmárcase dentro da programación cultural que se vai desenvolver este mes de marzo e tamén o de abril co obxectivo de achegar a música e a cultura a todas as partes do concello. Como explicaron Lara Rodríguez e Miguel Medela “o rural ten para nós unha importancia especial e non podemos esquecernos del tampouco neste ámbito, de modo que buscamos que o traballo cultural se estenda por todas as partes e non se supedite única e exclusivamente ao casco urbano”.

Este ciclo de concertos, que se complementará nos vindeiros meses cun ciclo de cine, comezarán na parroquia de Muimenta, no Auditorio, mañá, sábado, ás 20.30 da tarde, coa actuación da coral de Botos, que repetirá o 27 de abril en Cercio. A coral de Lalín actuará o 31 de marzo, ás 18.00 horas en Zobra e o 7 de abril na Xesta (ás 11.00 horas) e en Vilatuxe (ás 13.30 horas). Tamén está programada unha actuación da coral de Botos en data e hora aínda por concretar en Barcia.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín