O CONCELLO INVESTIRÁ MÁIS DE 120 MIL EUROS NO REFORZO DA PISTA DA VEIGA E NA MELLORA DO ACCESO AO TOXO, EN FONTECABALOS

O CONCELLO INVESTIRÁ MÁIS DE 120 MIL EUROS NO REFORZO DA PISTA DA VEIGA E NA MELLORA DO ACCESO AO TOXO, EN FONTECABALOS
Martes 16 de Outubro de 2018 - As actuacións financiaranse con cargo ao Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal (antigo Plan Marco) da Xunta de Galicia. Miguel Medela salienta que este proxecto permitirá avanzar no obxectivo mantido durante o mandato de dar resposta ás necesidades dos veciños do rural.

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, anunciou hoxe que o Concello vai investir un total de 120.808,82 euros no acondicionamento e mellora de dúas pistas nas parroquias da Veiga e Fontecabalos. Trátase, en concreto, da pista de San Ramón, no primeiro caso, e na pista que dá acceso ao toxo, en Fontecabalos-Sello. Neste intre permanece aberto o proceso de contratación destes dous traballos, que se van financiar con cargo ao Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal (o antigo Plan Marco) da Xunta de Galicia.

As empresas interesadas en participar neste procedemento poden xa consultar as bases e pregos na plataforma de contratación do estado e teñen de prazo ata o 25 de outubro para presentar as súas ofertas. A partir de aí, e unha vez estea concluído o período de análise de ofertas e adxudicación do contrato, as actuacións iniciaranse de maneira inmediata.

Tal e como indica Miguel Medela, con estes proxectos segue a avanzarse no constante traballo de mellora que se está a realizar dende inicios de mandato nas diferentes parroquias do rural de Lalín, cuxa recuperación é un dos grandes obxectivos do Goberno municipal para este mandato.

De maneira concreta, as obras teñen por obxecto a construcción dunha obra completa de pavimentación e afirmado de ámbolos dous camiños. Na pista da Veiga (San Ramón), ademais de vehículos lixeiros e tractores sen remolque, o tránsito máis usual é o de tractorescon remolque asimilables a vehículos de seis ou máis rodas. Para mellorar as súas condicións está previsto realizar unha limpeza de cunetas, o varrido da superficie, a aplicación dun rego de adherencia extendido e compactado cocunha capa de 5 centímetros de formigón bituminoso.

Canto á pista de acceso ao Toxo, en Fontecabalos-Sello -en base ao tráfico que rexistra- aos traballos a executar comprenden a colocación dun elemento para a recollida de augas nas cunetas, a regulación da superficie de asento, a compactación e a colocación dunha malla de aceiro e un estendido de formigón.

Coa adecuación destas vías, que se atopan en moi mal estado, Miguel Medela salientou que “se dá continuidade ás inxentes tarefas de recuperación do rural que vén levando a cabo o Goberno de Lalín” e que servira para “seguir fomentando o desenvolvemento das áreas rurais e do sector gandeiro do municipio”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín