O CONCELLO INSTALA O SKATE PARK NA ZONA SUPERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE

O CONCELLO INSTALA O SKATE PARK NA ZONA SUPERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE
Martes 12 de Marzo de 2019 - Esta iniciativa sumada ás xa postas en marcha nesta superficie logra transformar definitivamente a praza sobre o parking Aldea Grande nun punto de encontro e diversión saudable para os máis novos deixando lonxe os anos nos que estes espazos estaban abandonados e sen ningunha vida.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, visitou onte o skate park que vén de ser reubicado na parte superior intermedia do aparcadoiro Aldea Grande. Este módulo atopábase situado dende hai anos na zona do Paseo do Pontiñas próxima á saída da N-640 cara Lugo, pero a súa localización afastada do centro provocaba queixas dos usuarios ao non poder darlle o uso necesario e solicitaban a súa instalación nun punto máis céntrico. Con esta iniciativa o Goberno dá resposta ás demandas dos mozos e mozas que practican o skateboarding e, ao mesmo tempo continúa dándolle maior aproveitamento a un dos máis grandes e anteriormente menos utilizados espazos públicos do centro de Lalín, como son as prazas superiores do aparcadoiro Aldea Grande. Nesta zona o Concello xa construíu un parque infantil, unha cancha multideporte de céspede artificial e un módulo de parkour que están tendo un uso moi importante.

Coa colocación nesta mesma superficie do skate park -apuntou González Casares- conseguimos transformar definitivamente a praza sobre o parking Aldea Grande, totalmente céntrica, nun punto de encontro e diversión saudable para os máis novos deixando lonxe os anos nos que estes espazos estaban abandonados e sen ningunha vida.

O parque de monopatíns foi instalado no ano 2010 polo anterior goberno na zona do Paseo do Pontiñas próxima ao Auditorio Municipal sen que tivese nunca moito uso debido á súa ubicación afastada do centro. Co traslado á praza Aldea Grande esta pista poderá ser utilizada con máis facilidade polos mozos e mozas que comparten afección e contribuirá a darlle vida a este espazo coa creación dunha zona multiparque no mesmo centro da vila.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín