O CONCELLO INICIARÁ A VINDEIRA SEMANA AS OBRAS DA NOVA FASE DE URBANIZACIÓN DA PRAZA DE GALICIA

O CONCELLO INICIARÁ A VINDEIRA SEMANA AS OBRAS DA NOVA FASE DE URBANIZACIÓN DA PRAZA DE GALICIA
Mércores 10 de Outubro de 2018 - O alcalde asinou esta mañá o contrato con representantes das empresas BCNOR GESTIÓN Y SOLUCIONES AVANZADAS e BARNACLE OBRAS Y SERVICIOS, que presentaron de forma conxunta a oferta máis vantaxosas das 16 que concorreron ao procedemento. Os traballos adxudicáronse por un importe de máis de 139 mil euros. A actuación prevista forma parte do programa de iniciativas que permitirán embelecer o casco urbano e facer de Lalín unha vila moito máis atractiva.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, (acompañado do tenente de alcalde, Nicolás González Casares e de técnicos municipais) procedeu esta mañá á sinatura do contrato con representantes das empresas BCNOR GESTIÓN Y SOLUCIONES AVANZADAS SL e BARNACLE OBRAS Y SERVICIOS SL. para as obras para a nova fase de urbanización da Praza de Galicia. Unha vez solventado este trámite, o Concello prevé iniciar estes traballos de mellora na zona do Regueiriño a vindeira semana. A urbanización da praza incluirá unha nova zona de axardinamento central de maior extensión, cunha zona de anfiteatros e pequenos montículos, así como novas plantacións de árbores, un paso central de formigón e melloras na iluminación. O proxecto tamén contempla a subministración e plantación dun carballo (quercus rubur), que será subministrada pola adxudicataria en estado avanzado de crecemento, debendo alcanzar o seu tronco unha circunferencia de entre 30 e 35 centímetros. Así mesmo, deberá ser un exemplar seleccionado pola súa regularidade tanto no seu tronco como na súa masa floral. A empresa deberase encargar de do seu transporte e da súa plantación, así como do seu coidado ata a data de recepción da obra.

Tal e como lembraron Rafael Cuíña e Nicolás González Casares, estas actuacións permitirán converter este espazo público nunha praza máis apracible, utilizable e humanizada. Desta maneira farase dela un lugar de encontro e de lecer para todos os lalinenses a través dun proxecto que encaixa dentro da filosofía de modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións vaian en beneficio das persoas. O deseño da proposta foi deseñada polo arquitecto paisaxista Martín Toimil.

Ao procedemento de contratación concorreron un total de 16 ofertas. Tras as análises e valoracións realizadas polos técnicos do Concello, a proposta mellor valorada, de acordo cos pregos de prescripcións, foi a presentada de maneira conxunta polas empresas BCNOR GESTIÓN Y SOLUCIONES AVANZADAS SL e BARNACLE OBRAS Y SERVICIOS SL. Os traballos, que saían cun orzamento de licitación de preto de 170 mil euros, foron adxudicados por un montante total de 139.193,12 euros, que serán financiados con cargo ao superávit de 2016 e que se van executar como investimento financeiramente sostible.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín