O CONCELLO INICIARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS O PROXECTO DE ACONDICIONAMENTO DA ZONA PRÓXIMA AO AUDITORIO DO PASEO DO PONTIÑAS

O CONCELLO INICIARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS O PROXECTO DE ACONDICIONAMENTO DA ZONA PRÓXIMA AO AUDITORIO DO PASEO DO PONTIÑAS
Luns 8 de Outubro de 2018 - Narom S.L desenvolverá esta actuación adxudicada por 61.633,41 euros. Celia Alonso explicou que a intervención inclúe a mellora de sendeiros e de valados, a reposición do alumeado, ou a recuperación da fonte entre outras accións. A concelleira puxo de relevo os inxentes esforzos do Goberno por manter en bo estado o Pontiñas e para conseguir que presente o seu mellor aspecto dende a súa creación.

A concelleira de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Celia Alonso, anuncia que o Goberno vén de aprobar a adxudicación definitiva do proxecto de mellora e acondicionamento do Paseo do Pontiñas na zona máis próxima ao auditorio municipal, que comezará a executase nos próximos días. Concretamente, a empresa que vai desenvolver esta intervención será Narom S.L, que presentou a oferta máis vantaxosa das presentadas ao concurso aberto. Foille adxudicada por 61.633,41 euros, dun orzamento de licitación de 76.468, procedentes da liña 1 do Plan de Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Como explicou a edil, que hoxe visitou a zona da intervención, trátase dunha actuación que afectará ás inmediacións da zona onde se atopa a lagoa artificial e que se estenderá ata a zona na que o sendeiro conflúe coa denominada travesía da ponte, co obxectivo de “unificar e dar continuidade” a ambas partes. Este espazo do Pontiñas non se viu afectado polas melloras aplicadas no parque en ocasións anteriores. Porén o obxecto das obras é o de mellorar o paseo fluvial acondicionando as sendas peonís con novo pavimento e coa execución de drenaxes e novos valados de madeira en zonas puntuais da lagoa. Así mesmo, entre outras accións, repararase o sistema de alumeado, arranxarase a fonte do parque do auditorio e adaptaranse as entradas para conseguir unha correcta accesibilidade. O conxunto das obras permitirá que o Paseo do Pontiñas manteña a continuidade en todo o seu discorrer e proporcionaranlle á zona do auditorio as condicións apropiadas para o seu desfrute por parte dos usuarios.

Así, procederase ao acondicionamento dos sendeiros e do perímetro da fonte coa colocación de zahorra natural e pavimento terrizo a base de xabre granítico cor area. Tamén se procederá á realización de 3 tramos de muro nos puntos onde a auga se adentra no terreo. Para isto realizarase unha escavación que posteriormente se encherá de material de compactado. Por outra banda executaranse melloras nos valados de protección de madeira naquelas zonas nas que existen desperfectos e repararase o sistema de iluminación con axustes nos cadros de mando e instalación de novos difusores de metacrilato translúcido que substituirán os que se atopan en mal estado. Ademais, colocaranse novas farolas onde sexa necesario.

Estes traballos súmanse aos que vén desenvolvendo diariamente no Pontiñas a brigada medioambiental, posta en marcha polo Goberno de Lalín para manter nas mellores condicións este parque empregado por multitude de lalinenses. Precisamente e, a pesar de que poidan seguir existindo deficiencias puntuais debido á gran extensión do Pontiñas, os esforzos do Concello por mantelo en bo estado, tanto a través da brigada de obras como de proxectos externos, están permitindo que o sendeiro fluvial se atope nun dos seus mellores momentos de conservación dende a súa construción, como así constatan os veciños e veciñas.

A responsable de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Celia Alonso insistiu en que este novo programa de actuacións para o Pontiñas “é unha mostra máis do interese e do esforzo do Goberno local por recuperar o espazo verde máis importante de Lalín”. “A intención do executivo con estes traballos” -prosegue- “é a de cumprir co noso compromiso de que a gran cantidade de lalinenses que fan uso deste parque poidan seguir desfrutando dun Pontiñas nas mellores condicións posibles, con firmes en bo estado, drenaxes apropiados e unha iluminación adecuada”. Nesta liña destacou “o empeño e a gran cantidade de recurso que destinamos e deberemos seguir destinando ao mantemento do pulmón verde de Lalín para facer que permaneza nas mellores condicións posibles”. “Temos que conseguir que a obra máis importante da nosa historia recente volva ser unha referencia, tanto para os lalinenses como para os visitantes” -engade- “de modo que o Goberno non escatimará esforzos para conseguir que o Pontiñas volva ser un orgullo para todos nós”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín