O CONCELLO INICIARÁ A FINAIS DE OUTUBRO O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA ALCALDE FERREIRO

O CONCELLO INICIARÁ A FINAIS DE OUTUBRO O ARRANXO INTEGRAL  DA RÚA ALCALDE FERREIRO
Xoves 20 de Septembro de 2018 - As obras comezarán coa reconstrución das beirarrúas, un proxecto que quedou hoxe publicado na Plataforma de Contratacións do Estado, o que abre un prazo de 20 días para a presentación de ofertas empresarias. Francisco Vilariño explicou que a iniciativa segue a liña dunha serie de actuacións que permitirán homoxeneizar e mellorar o aspecto de varias das arterias máis importantes do casco urbano.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello de Lalín ten en previsión dar inicio ás actuacións de arranxo integral da rúa Alcalde Ferreiro a finais do mes de outubro. Este anuncio prodúcese tras quedar publicado no día de hoxe na Plataforma de Contratacións do Estado o anuncio da licitación do proxecto de reposición e mellora integral das beirarrúas desta calzada para o que o Concello conta cun orzamento de 54 mil euros procedentes da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación. Tras a publicación do mencionado anuncio na plataforma estatal ábrese un prazo de 20 días naturais para que as empresas presenten as súas ofertas dentro deste procedemento aberto de contratación. Como aclara o concelleiro esta data de inicio “é estimada e pode variar lixeiramente, pois dependemos das continxencias que poidan xurdir no transcurso do proceso administrativo, pero se todo discorre con normalidade está é a previsión”.

A execución desta obra complementará o da renovación da capa de rodadura que tamén se levará a cabo nesta vía tan pronto como conclúa a reconstrución das beirarrúas. A intervención de asfaltado foi licitada nun procedemento diferente e xa está adxudicada por un montante próximo aos 17 mil euros. Deste xeito, completaranse dúas ambiciosas actuacións que rehabilitarán o conxunto e renovarán o seu aspecto por completo a través dun importante investimento que roldará os 71 mil euros.

Francisco Vilariño lembrou que as beirarrúas de Alcalde Ferreiro, “están na súa maior parte en moi mal estado e presentan múltiples fochancas, afundimentos e incluso treitos sen acabado de lousa, polo que dende a concellería de Obras consideramos imprescindible acometer a súa reconstrución dentro dunha intervención integral que se completará coa pavimentación”.

As actuacións a desenvolver nas beirarrúas da rúa Alcalde Ferreiro levaranse a cabo mediante o levantado da plaqueta actual e do bordo de formigón para colocar posteriormente novas lousas rectangulares, así como novos bordos. O deseño das novas pezas non seguirá o actual, xa obsoleto, senón que serán de formigón e forma rectangular, dando continuidade ás xa existentes na rúa Ferrín Moreiras e que serán idénticas as que tamén se colocarán en Pintor Colmeiro, homoxeneizando así o aspecto desta importante zona do centro da vila.

Francisco Vilariño fixo fincapé en que esta intervención “vai na liña doutros proxectos de rehabilitación programados para distintas vías urbanas e segue a filosofía de modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas”. Finalmente o titular de Obras recordou que a humanización “servirá para seguir mellorando a accesibilidade e a mobilidade no núcleo urbano dentro do noso firme compromiso político para avanzar neste obxectivo”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín