O CONCELLO INICIA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA CUBRIR A PISTA DEPORTIVA DO XESÚS GOLMAR

O CONCELLO INICIA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA CUBRIR A PISTA DEPORTIVA DO XESÚS GOLMAR
Xoves 25 de Outubro de 2018 - O alcalde visitou hoxe as instalacións onde se vai desenvolver unha iniciativa que ten un orzamento de preto de 150 mil euros. Esta cantidade financiarase con cargo aos remanentes municipais de 2017. Rafael Cuíña salienta que é un proxecto que lle fai especial ilusión xa que permitirá dar resposta a unha vella demanda da comunidade educativa, que a Xunta non foi quen de atender.

O alcalde de Lalín visitou esta mañá as instalacións do colexio Xesús Golmar, onde o Concello vai executar nos vindeiros meses o proxecto para cubrir unha das pistas deportivas exteriores do recinto educativo. Acompañada da directora do Golmar, Rafael Cuíña asistiu aos traballos técnicos de medición da zona e que se realizan de maneira previa á redacción detallada da iniciativa, orzamentada en preto de 150 mil euros.

Esta cantidade financiarase con cargos aos fondos procedentes dos remanentes do ano 2017, cuxo destino se aprobou por consenso no pleno extraordinario do pasado 17 de outubro. Este investimento en concreto -como resaltou o rexedor- permitirá “dar resposta a unha vella demanda da comunidade educativa e co que se vai mellorar de maneira substancial a calidade das instalacións en beneficio de todo o alumnado”. “Trátase”, incide Rafael Cuíña, “dun proxecto que me fai especial ilusión polo que supón de mellora das condicións das rapazas e rapaces que están matriculados no centro”. Nesta liña, subliña que “é o Concello, e eu persoalmente, quen asume este proxecto tan solicitado dende hai tempo, e que a consellería de Educación non foi capaz de atender en todos estes anos”.

A zona que se vai cubrir está emprazada no patio interior do colexio e na actualidade atópase á intemperie, polo que non permitía o seu uso para a práctica deportiva e recreativa nos días de mal tempo. A superficie a cubrir ten uns 44 metros de lonxitude por 29 metros de ancho, cunha altura libre mínima na zona máis baixa de 6 metros.

O alcalde anunciou que, previsiblemente, o proxecto técnico que recolla en detalle todas as obras e instalacións a executar estará concluído non prazo non superior a dúas semanas. A partir de aí iniciar de maneira inmediata o procedemento administrativo para sacar as actuacións a concurso, co obxectivo de que se poidan levar a cabo despois do período vacacional do Nadal. O alcalde salientou, ademais, que de cara a elaboración dos pregos de licitación -e en base os posibles custes que se estimen- o Concello analizará a posibilidade de incluír como posibles melloras a ofrecer polas empresas que concorran a construción dunha pérgola para o patio correspondente á alumnas e alumnos de educación infantil e dunha viseira que amplíe a existente entre o ximnasio e a zona de saída, para que os estudantes estean máis protexidos en días de choiva.

Canto á iniciativa para cubrir a pista deportiva, de maneira xeralo, estímase que se deberá proceder á execución dunha estrutura metálica en piares sobre cimentación de formigón. A cuberta realizarase mediante unha estrutura metálica en formación de cerchas, correas e cubrición mediante dobre chapa con illante intermedio, con canalóns de recollida e baixantes. Unha vez realizada a cubrición, deberase proceder á reparación da pista para deixala en perfecto estado de uso para a práctica de deportes.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín