O CONCELLO INICIA AS OBRAS DE ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO

O CONCELLO INICIA AS OBRAS DE ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO
Mércores 10 de Outubro de 2018 - A actuación permitirá rexenerar esta vía mediante a reconstrución das beirarrúas e a reposición da capa de asfalto. Francisco Vilariño lembrou que o proxecto dá inicio a un importante programa de melloras en varias rúas da vila mediante o que se renovará o seu aspecto e se incrementarán as condicións de accesibilidade e mobilidade urbana.

O Concello de Lalín deu hoxe inicio ás obras de arranxo integral da rúa Pintor Colmeiro, un importante proxecto co que se dá comezo a un ambicioso programa de mellora que afectará a diferentes rúas do centro, de cara a homoxeneizar e rexenerar por completo o seu aspecto, así como para mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade urbana. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, visitou esta mañá o inicio da intervención que, se todo vai segundo o previsto, finalizará no prazo de entre 2 e 3 semanas. A empresa Rafer está executando as obras, que contemplan tanto a reconstrución das beirarrúas como a reposición do firme e que lle foron adxudicadas por un importe de 40 mil euros.

A rúa Pintor Colmeiro ten unha lonxitude total de 75 metros e un ancho de 12. Como lembrou Francisco Vilariño, “dende a concellería de Obras observamos a necesidade de acometer o seu arranxo integral tras comprobar o mal estado das beirarrúas e o mal estado do asfalto tras moitos anos sen ningún tipo de actuación na zona”. “Porén” -engadiu- “este proxecto corrixirá estes defectos e mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presentaba a nivel xeral un bo estado de conservación e que agora se vai recuperar”.

Así, as actuacións a realizar comprenden, por un lado, o levantado da plaqueta das beirarrúas e do bordo de formigón coa posterior colocación de novo pavimento de lousas rectangulares iguais en deseño ás existentes na rúa Ferrín Moreiras, dándolle así continuidade estética a ambos viais. Por outra banda, repararase o firme de aglomerado deste treito, previa retirada dunha capa de 5 centímetros de rodadura existente para evitar que a rúa vaia tendo cada vez maior espesor. Vilariño tamén lembrou que esta intervención complementa a xa anunciada de mellora do firme e das beirarrúas da rúa Alcalde Ferreiro, o que en conxunto permitirá homoxeneizar e rexenerar por completo o aspecto dunha zona urbana céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial como é a formada polo bloque de rúas Ferrín Moreiras, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro.

O concelleiro asegurou que a rexeneración da rúa Pintor Colmeiro “vai ser recibida cos brazos abertos por parte dos veciños e dos comerciantes”. “Este proxecto, xunto co que se vai executar en Alcalde Ferreiro mellorará substancialmente as condicións dunha zonas máis importantes do casco urbano”. “As obras” -explicou- “continúan na senda do modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas e permitiranos seguir avanzado en cuestións de mobilidade e accesibilidade”. Finalmente lembrou que a actuación non implicará cambios na dirección de circulación da rúa Colmeiro e que se seguirá permitindo o estacionamento de vehículos en ambas marxes.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín