O CONCELLO INICIA O PROXECTO DE REURBANIZACIÓN DA RÚA XESTEIRA QUE PERMITIRÁ COMPLETAR A URBANIZACIÓN DE CIDADE XARDÍN

O CONCELLO INICIA O PROXECTO DE REURBANIZACIÓN DA RÚA XESTEIRA QUE PERMITIRÁ COMPLETAR A URBANIZACIÓN DE CIDADE XARDÍN
Martes 16 de Outubro de 2018 - Francisco Vilariño explicou que a obra ten carácter integral e permitirá a mellora e modernización das redes de saneamento e abastecemento, das beirarrúas de ambas marxes e do pavimento. O concelleiro destacou a dimensión e a importancia dun proxecto moi demandado polos residentes.

O Concello de Lalín deu inicio na mañá de hoxe a unha nova actuación encamiñada a mellorar as condicións do casco urbano. Concretamente, comezaron a desenvolverse as obras de reurbanización integral da rúa Xesteira que executa a empresa Narom S.L a quen se lle adxudicaron nun concurso aberto no que se licitou conxuntamente un paquete de obras que tamén inclúe a mellora da rúa Vidal Abascal e a pavimentación de Alcalde Ferreiro por un total de 161.524 euros. Estes fondos proceden dos remanentes do ano 2016 sendo a mellora da rúa Xesteira unha intervención consensuada co Partido Popular. Con este ambicioso proxecto – tal e como explicou o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño- o barrio de Cidade Xardín quedará completamente urbanizado, mellorando as condicións de vida dos seus residentes, grazas a unha actuación que inclúe a mellora e modernización das redes de saneamento e abastecemento, das beirarrúas de ambas marxes e da superficie de rodaxe da rúa.

A rúa Xesteira é unha vía interurbana que se atopa nun barrio periférico onde hai anos se levou a cabo un plan de mellora e modernización das súas infraestruturas, que por diferentes circunstancias non lle afectou a esta calzada, que quedou sen urbanizar. Deste xeito, o seu pavimento atopábase gravemente cuarteado e con numerosas fochancas, o que provocaba a necesidade de actuar con urxencia. As beirarrúas tamén se atopaban en mal estado, cunha zona de 50 metros que soamente presentaba formigón sen acabado de plaqueta. Por outra parte, as instalacións de abastecemento de auga e saneamento estaban obsoletas, polo que se precisaba unha renovación urxente das instalacións.

Para solucionar esta situación e dar resposta ás demandas dos habitantes o proxecto do Concello de Lalín que hoxe comezou centrarase reurbanizar por completo o entorno. En primeiro lugar, tal e como establece o proxecto técnico, retirarase o pavimento do firme que será reposto mediante unha mistura vituminosa en quente. Así mesmo, levantaranse as vellas beirarrúas para extraer as tubaxes antigas de fibrocemento, que serán substituídas por novas canalizacións de PVC con maior capacidade que se conectarán á acometida domiciliaria de saneamento municipal. Tamén se instalarán novos colectores de saneamento para pluviais, con sumidoiros lonxitudinais na calzada e nas áreas de estacionamento. Ademais, dotarase a rúa dunha nova acometida de auga potable realizada con polietileno de baixa densidade, que se conectará á rede principal de abastecemento. O alumeado público mellorarase cunha nova liña de alimentación canalizada baixo tubo e soterrada e tamén se canalizarán os sistemas de telecomunicacións. Unha vez executadas as canalizacións, as beirarrúas serán reconstruídas coa dotación de pavimento continuo de formigón armado con acabado superficial preparado para recibir a plaqueta.

Francisco Vilariño, que hoxe supervisou o inicio das actuacións, fixo fincapé en que se trata dun proxecto “moi ambicioso, posto que contempla a reurbanización completa dunha calzada de preto de 200 metros de longo, o que permitirá mellorar os servizos e as condicións de vida dos seus residentes, mellorando tamén a mobilidade urbana e a accesibilidade nesta zona”. Prevese que a intervención estea finalizada antes de Nadal.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín